Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, mantivo hoxe unha reunión cunha representación da Asociación de Comerciantes de San Pedro-Concheiros, para ultimar os Bonos Corazón San Pedro aos que se destinan 75.000 euros. O rexedor explicou que están traballando coa hipótese “de que estean operativos o 26 de febreiro, coincidindo co Entroido”. Terían unha validez de 3 meses.
O programa de Bonos Corazón San Pedro está destinado aos negocios de comercio e hostalería tanto do barrio de San Pedro como da zona de Concheiros, afectados polas obras de reurbanización. Terían como obxectivo reactivar o consumo e permitirían facilitar compras por valor de 187.500 euros. O concello subvencionaría o 40% desas compras, e emitiría aproximadamente, entre 2.500 e 3.000 bonos.
Funcionarían dun xeito similar aos os Bonos Corazón Compostela, aínda que nun ámbito espacial máis restrinxido. Sánchez Bugallo precisou que incluirían, aparte da rúa de Concheiros, o barrio de San Pedro (rúa de San Pedro e colindantes), a zona de Bonaval, rúa do Home Santo e Rodríguez de Viguri. A previsión é levalos á Comisión de Facenda convocada para o 18 de xaneiro e despois terían que ser aprobados en pleno e sair a exposición pública durante 15 días.
No caso de estar operativos o 26 de febreiro, o rexedor anunciou que o Goberno Municipal aproveitaría para realizar, de xeito paralelo, “actividades de dinamización” do comercio e hostalería local, así como a campaña de publicidade asociada aos bonos.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela