Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 5 de maio de 2023. O Goberno de Santiago concedeu 385 comunicacións de actividade e realizou 1.000 trámites vinculados ao comercio ao longo destes catro anos. Ademais, iniciativas como os bonos corazón permitiron mobilizar os locais e a hostalaría de proximidade despois da crise vinculada ao coronavirus.
O 64% das comunicacións de actividade representan actividade comercial, o cal mostra o impulso que tomou nestes anos. Os datos tamén revelan que existe relevo xeracional neste sector. Nestes catro anos, houbo 521 cambios de titularidade que permiten a continuidade de máis de medio de millar de comercios da cidade.
O alcalde Sánchez Bugallo destacou que “cada vez hai menos baixos pechados”, como efecto das 105 licencias de apertura que tramitou a administración, a maioría para a creación de novos comercios. “Apostamos por investir na reactivación comercial e ofrecemos facilidades a quen compra no local”, destacou o rexedor.
Para continuar con esta boa tendencia, Bugallo anunciou esta semana que volverán a poñer en marcha os bonos corazón este ano. Esta medida mobilizou seis millóns de euros durante as anteriores convocatorias e axudou a incentivar a demanda de consumidores no comercio local e na hostalaría.
O Prima 24 será unha Feira Internacional do Comercio de Proximidade
Outra novidade na que está traballando o Goberno é que o Prima 24 de o salto ao internacional. O alcalde informou de que este evento pasará a ser unha Feira Internacional do Comercio de Proximidade. “Farémolo ao grande”, destacou Bugallo, quen explicou que tamén crearán un congreso para intercambiar ideas e dinamizar o sector.
O alcalde asume que ten un “compromiso con Compostela”, polo que outro dos anuncios foi que habilitarán unha liña de subvencións directas para impulsar o comercio tradicional no Casco Histórico. O obxectivo final é converter Santiago na “capital comercial de Galicia”.
A estes compromisos súmase a finalización das concesións dos aparcadoiros de Praza de Galicia e Praza de Vigo, que ofrecen ao Concello a oportunidade de crear estacionamentos con prezos accesibles. Deste xeito, facilítase á cidadanía chegar a zonas comerciais da cidade como son o Ensanche e o Casco Histórico. O alcalde lembrou a intención de recuperar estes dous aparcadoiros que xestionarán a través da empresa municipal Tussa.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela