Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O concello de Santiago e a Deputación da Coruña, destinarán tres millóns de euros aos sectores máis afectados polas restriccións impostas pola Xunta para frear os contaxios por COVID19; con especial atención ao sector hosteleiro. Explicárono, en rolda de prensa, o alcalde Xosé Sánchez Bugallo e o presidente provincial, Valentín González Formoso. Segundo explicou o rexedor, “o noso obxectivo é realizar un plan de apoio á hostalería e o comercio que terá un orzamento total de 3 millóns de euros, dous millóns que sairán do remanente de tesourería do Concello e un millón aportado pola Deputación”.
Sánchez Bugallo engadiu que “unha parte moi importante sería con carácter inmediato para axudar a sufragar os gastos correntes e de financiamento de estas empresas, principalmente do sector da hostalaría pero tamén do comercio ou incluso o cultural. En segundo lugar, habilitaríamos outros programas máis profundos vinculados á renovación tecnolóxica, a adaptación ás novas condicións que implica esta crise sanitaria”.
Pola súa banda, o presidente da Deputación da Coruña, precisou que, no caso de Santiago “habilitaremos unha partida de un millón de euros para complementar o plan de reactivación da hostalaría e do comercio que vai sacar o Concello nas próximas datas”. González Formoso engadiu que “diante da situación de parálise económica xeral, máis acentuada en sectores concretos como a hostalaría, comercio e o turismo, todas as administracións debemos poñer o noso grao de area, aínda que non teñamos competencias na materia. Non debemos agocharnos e desde a Deputación queremos estar tamén a carón dos tres grandes concellos da provincia”.
Para o concello de Santiago, é o segundo plan de reactivación económico implementado no exercicio 2020, despois do desenvolvido no mes de abril. As contías das novas axudas, segundo explicou o alcalde, levaranse a pleno para a súa aprobación, previsiblemente o 17 de novembro. A intención do rexedor é poder convocar as subvencións na primeira quincena de decembro.
González Formoso fixo un chamamento “á Xunta de Galicia para que as distintas liñas de axuda das administracións se fagan de xeito coordinado e evitar así solapamentos. Para iso solicitámoslle ao presidente que convoque ás diferentes entidades a un foro técnico para poñer en común todas as liñas e que teñan o efecto que buscamos”.
Esta colaboración co Concello de Santiago enmárcase dentro dun plan dirixido ás grandes cidades da provincia para o que o organismo provincial “mobilizará unha partida de 3 millóns de euros co obxectivo de dar cobertura e suplementar os programas municipais de apoio a autónomos e microempresas da Coruña, Ferrol e Santiago”, anunciou o presidente da Deputación .
Esta nova liña de 3 millóns de euros súmase aos 12,5 millóns do plan PEL-REACTIVA que a Deputación, en colaboración cos concellos coruñeses, ten en marcha para apoiar aos pequenos negocios locais afectados pola Covid-19. Estes días, 88 municipios de menos de 50.000 habitantes están a canalizar todas as solicitudes do seu tecido empresarial para distribuír estes fondos, con axudas que oscilan entre os 1.500 e os 3.000 euros.
A preguntas sobre o chamamento realizado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para que os concellos rebaixen taxas á hostalaría, o alcalde tirou da ironía: “Non se se nolo di, ou nolo conta”, sinalou; para a continuación referirse ao plan de reactivación económica posto en marcha en abril; e á exención do pago de terrazas en 2021, que se debaterá no pleno do día 9 de novembro. Para Sánchez Bugallo, o esforzo realizado pola Deputación da Coruña e o Concello de Santiago é “significativamente moito maior” que o que realiza a Xunta para apoiar ao sector hostaleiro.
Pola súa banda, Valentín González Formoso indcou que “boa parte” dos recibos que pagan os veciños nos municipios sofren “recargas” dependentes da Xunta. Puxo exemplos: “hai dous anos o Goberno galego subiu un 35% a taxa do canon de Sogama no recibo do lixo, que é susceptible de baixar, do mesmo xeito que outros como o de saneamento e hidráulico”. A continuación, o presidente da Deputación da Coruña pediu a creación “dun foro técnico de coordinación” entre administracións para poder abordar estas cuestións.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela