Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, trasladará mañá martes, aos grupos da oposición; unha “proposta concreta” para o emprego dos cinco millóns de remanentes dos que pode dispor o concello para, engadiu, a partir de aí, aporten as súas achegas.
O rexedor, que de novo volveu reiterar o ofrecimento de diálogo á oposicición, espera que “esta semana todos esteamos traballando con serenidade e tranquilidade”. A pasada semana, recordou, xa lle enviara unha proposta sobre os remaentes, máis xenérica, que cualificou como “aberta” e sostida sobre dous eixos: axudas directas de apoio ao tecido económico máis castigado pola pandemia, con dous millóns de euros; e outra partida destinada a obras e investimentos por outros tres millóns de euros.
Aprobación dos orzamentos
O alcalde tamén se referiu ao pleno do pasado día 17, no que se vinculou a aprobación dos orzamentos a unha moción de confianza, subliñando que se produciu unha “dramatización excesiva” que non ve motivada. Os presupostos, que cualificou como necesarios, aprobáronse cos votos a favor do Grupo Socialista. O PP posicionouse en contra e Compostela Aberta e BNG, decidiron abandonar a sesión plenaria, polo que o seu voto contou como unha abstención. O rexedor explicou que tanto os prazos de aprobación das contas, como o procedemento, “respectaronse escrupulosamente”.
Sánchez Bugallo preguntouse en cantos concellos da contorna ou de Galicia, se envía a proposta de orzamentos “con seis semanas de antelación aos grupos da oposición, e desde logo ningún ten os longos prazos de tramitación que ten o concello de Santiago”. Engadiu que o “regulamento orgánico establece cinco días hábiles, e neste caso particular, ademais, a información do orzamento facilitouse seis semanas antes”.
Para o alcalde, a cuestión de confianza, aínda que “non é un procedemento ordinario”, está contemplado na lexislación. Engadiu que “en poucos concellos, aló menos en Galicia, se ten aplicado, porque “entraña un risco incerto para o propio alcalde”, xa que pode “perder o seu posto” no caso de que non a supere. Defendeu ademais, que este procedemento, “contemplado específicamente na lei”, ten por obxecto impedir un bloque dos presupostos; e que os gobernos en minoría, como é o caso de Santiago, poidan sacar adiante as contas sen aceptar “determinadas condicións” que “ao final deriven en incumprimentos” da lei de estabilidade orzamentaria e das regras fiscais.
Preguntas
Xa a preguntas dos xornalistas, o alcalde asegurou que vería “completamente inxustificado” que se resinta a relación entre o goberno municipal e a oposición; porque, sinalou “estes orzamentos elaboráronse “non pensando exclusivamente no ano 2021”, senón tamén “na continuidade”.
O rexedor subliñou que lle gustaría que “as cousas fosen doutra maneira, pero por encima de todo era necesario que Santiago tivese presupostos para 2021”. Para Sánchez Bugallo, sería un “desastre e unha irresponsabilidade tremenda” deixar a Compostela sen presupostos. “Tomamos as decisións que tiñamos que tomar, asumimos as responsabilidades que temos que asumir e eu creao que a cidadanía nos elixiu xustamente para iso: gobernar, tomar decisións, e asumir responsabilidades. Eu prefiro pagar un prezo político por tomar as decisións que tiñamos que tomar, que acabar pagando un prezo político maior por non telas tomado”.
Por outra banda, o alcalde tachou de “completamente irreal” e “lecturas interesadas” que a oposición fale de división no goberno local.
Medidas anticovid
En relación aos casos de covid-19, o alcalde fixo un chamamento “a prudencia” e pediu non “baixar a garda” de cara á Semana Santa. Preocúpao o “repunte moderado” de positivos rexistrado nos últimos; o que sitúa a cidade nos 58 casos activos e cunha incidencia acumulada a 7 días de 33 casos, e a 14 días, de 51.
Sánchez Bugallo alerta que se está a reverter a tendencia, e alerta de que o “número total de casos probablemente se vaia a incrementar” cando “a semana que vén”, se coñeza o impacto da ponte de San José. Sinala que non lle gustaría, despois de Semana Santa, “adoptar outras medidas que implicasen unha marcha atrás. É moi importante que os pasos que deamos sexan cara a adiante”.
En xeral, segundo sinalou o rexedor, a actuación da cidadanía está a ser correcta. Non obstante, “estase a actuar sobre os comportamento incívicos e insolidarios”. Durante a fin de semana, a Policía local tramitou 14 propostas de sanción por festas en pisos, unha cifra que “sigue sendo alta”, a xuízo do rexedor. Esta situación comparouna coas sancións levantadas contra os locais de hostalaría: tan só unha. “Quere dicir”, sinalou “que, razoablemente, están a cumprirse as condicións” de reapertura, despois de que se ampliase o horario de peche ata as nove da noite.
Sánchez Bugallo amosouse optimista co escenario que se abre para a economía da cidade a medida que as vacinas se están “xeralizando”. Ofrecer “seguridade e confianza” para recuperar o turismo é algo “fundamental”, sinalou, para o comercio do centro histórico e para a hostalaría.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela