Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, sinalou en rolda de prensa, que o convenio asinado esta mañá entre Aguas de las Cuencas de España (ACUAES), Augas de Galicia, e o Concello para a execución e explotación da nova estación depuradora de augas residuais de Silvouta (EDAR); “é un moi bó acordo, no escenario no que estamos”.
Un convenio co que Sánchez Bugallo se amosou satisfeito, xa que, “un dos grandes cinco temas da cidade, que o Pleno da Corporación, en xullo de 2019, definiu como prioritario neste mandanto, queda encamiñando e espero que non se volva torcer”. Recordou que o investimento nesta infraestrutura, que cualificou de “imprescindible”, supera os 56 millóns de euros. Desta cantidade, o Fondo Reconstrución da Unión Europea aportará un 65%, é dicir, algo máis de 36,5 millóns de euros, Augas de Galicia, case 11 millóns, e o concello de Santiago, aproximadamente 8,5 millons de euros, aos que hai que engadirlle o 21% de UVE, xa que computan como investimento.
Sinala Sánchez Bugallo que “demos un paso decisivo, que é a financiación da construción e a súa posterior explotación”. “Haberá quen diga que podía ser mellor, pero a estas alturas debemos estar ben contentos e agradecidos de acadar un convenio no que obtemos unha subvención para financiar o investimento do 84% do seu custe”.
Rolda de prensa do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo
Para o rexedor, “é unha situación anómala que chegaramos a este punto e daría para escribir un tratado daquelas cousas que non se poden facer ao servizo público. O importante non é mirar para atrás, e mirar para adiante. Creo que demos un paso decisivo”, porque, recordou, a sinatura do convenio leva un retraso de dez anos sobre as previsións que manexaba no seu anterior período na alcaldía, cando o obxectivo era que a nova EDAR estivese operativa “ a finais de 2015 ou principios de 2016”. “Espero”, sinalou, que estes 10 años transcorridos non foran en vano e poida haber unha mellor tecnoloxía porque a depuradora vai operar durante os próximos 30 anos”.
Esta demora, lembrou, supuxo perder os fondos FEDER en dúas convocatorias do programa: os 40 millóns asignados na convocatoria de 2007/2013, “e os 31 millóns de euros previstos e reservados na de 2014/2020”. Un retraso do que responsabilizou ao PP e, sinalou, ás decisións unilaterais adoptadas polos gobernos populares de 2011 a 2015, xa que na súa opinión, a inención de cambiar a localizacio´n para O Souto “serviulles para gañar as eleccións a Conde Roa nas parroquias de Laraño e Villestro”. Nese momento, recordou Sánchez Bugallo, os populares dicían que suporía un atraso de seis meses, “pero dez anos despois sa sabemos que non foron seis meses”. Tamén lembrou que máis adiante, no mandato de Compostela Aberta “non se tomaron decisións” ao respecto, o que supuxo perder,de novo, a financiación europea.
Esta terceira, engadiu, “era unha oportunidade que non podiamos desaproveitar”. O alcalde agradeceu o apoio “e atención permanente” recibido “tanto por parte de ACUAES, como da Secretaría de Estado de Medio Ambiente, como do goberno autonomico. Creo que é un tema moi relevante para Santiago”.
Peguntado sobre as manifestacións do BNG, que considera que a aportación do 16% do concello é moi elevada; o rexedor respondeu “que nos houbese gustado un mellor acordo. Pero levamos dez anos. E a situación que tiñamos hai ano e medio é que os 31 millóns dos fondos FEDER asignados ao proxecto, foran retirados. Polo tanto, o concello tiña que pór 40 millóns de euros”, non 8,5 millóns como acontece agora. “Algo que sabe”, sinalou “perfectamente Goretti. Conseguir unha subvención de 47 millóns de euros, paréceme moi importante, e non podemos renunciar a ela. Unha terceira oportunidade non é facil tela. Unha cuarta, paréceme que é imposible”.
O alcalde emprazou a que “se alguén tén unha alternativa mellor que a poña sobre a mesa, porque supoño que ninguén estará a favor de que renunciemos a esta oportunidade”.
Á pregunta de sobre quen van repercutir eses 8,5 millóns de euros que ten que aboar o concello, o alcalde explicou tamén que, de momento, están abertas todas as posibilidades para “non comprometer á futura Corporación” que saia das eleccións de 2023. Sánchez Bugallo explicou que, para entón, o Concello poderá decidir se repercutilo na tarifa da auga, se asumir o custe nos orzamentos ou por un sistema mixto.
Unha vez asinado o convenio, o rexedor compostelá avanzou que en tres meses está prevista a adxudicación das obras; que prevé comencen en 2022 e rematen en 2025. A data de entrada en funcionamento, se todo transcorre segundo o previsto, sería en 2026.
O alcalde recordou que a depuradora da Silvouta, “depura as augas de Santiago e de boa parte do Milladoiro”, e que a tecnoloxía da actual estación “quedou obsoleta”, despois de case 40 anos de funcionamento, “un periodo de vida moi elevado”. Sánchez Bugallo lembrou que se acometeu “un investimento de algo máis de catro millóns de euros durante o mandato pasado, para permitir prolongar esa vida útil outros 5 anos máis, pero as condicións siguen sen ser idóneas”.
Segundo explicou o alcalde, “a súa capacidade de depuración está prevista para pouco máis de cen mil persoas”, polo que resulta “insuficiente” para atender as necesidades de Santiago e de parte do Milladoiro. Iso, continuou ten un efecto negativo “ sobre o estado do río Sar no seu percorrido a partir da Silvouta, e na ría de Arousa, onde acaba desembocando.
COVID
Sobre os datos de contaxios por COVID, recordou que onte eran 678 casos activos en Santiago, despois da acadar o punto máis alto da curva os días 26 e 27 de xaneiro, cando se chegou aos 746 contaxios. Desde esas datas “hai primeiro unha estabilización, e despois un deslizamento á baixa. Entramos nunha curva descendente a un ritmo moderado, pero apreciable”, cun 10% de casos menos en 9 días”.
Sánchez Bugallo tamén informou que a Xunta de Galicia solicitou as instalacións de Amio para facer un novo cribado a 12.000 persoas de entre 46 e 55 anos de Santiago e de Ames. Reiterou que o recinto feiral “está posto a disposición da Consellería de Sanidade e do Sergas, e espero que funcione igual ou mellor que a semana pasada”.
O alcalde valorou positivamente a axilidade coa que se desenvolveron as probas da pasada fin de semana; pero espera superar “ese 69% de persoas que asistiron” á anterior convocatoria. Pediu desculpas por se alguén se sentiu doido por dicir que lle parecía “impresentable” que non se presentaran 3.000 persoas. “Todos os que teñen causa xustificada, absoluto respecto”, pero 3.000 é unha cifra, continuou, “inaceptable, e espero que na convocatoria deste fin de semana non suceda o mesmo e a gran maioría acuda a esa cita, e iso lles sirva para garantir a súa situación e tamén a seguridade dos que os rodean”.
Sobre as novas convocatorias de axudas ao sectores máis afectados, a nivel económico, polas restriccións anticovid, o alcalde avanzou que “estamos comezando a rolda de conversas para recabar as opinións das asociacións representativas”, e que o martes está previsto unha xuntanza coas asociacións de comerciantes. “Está habendo reunións coa hostalería, e tamén se farán cos colectivos do ámbito cultural para ir preparando a terceira convocatoria de axudas”. A intención do concello, afirmou, sería sacala na segunda quincena de marzo ou primeira quincena de abril.
Pleno
O rexedor tamén avanzou que está prevista a celebración, o venres 12 de febreiro, dun pleno extraordinario, para aprobar o convenio polo que o concello se fai cargo da xestión da nova estación de autobuses, a través da sociedade municipal TUSSA.
Outro punto previsto na orde do día, sería, explicou Sánchez Bugallo, a aprobación dos créditos necesarios para a adquisición dun 31% adicional das accións da sociedade UNINOVA, “o instrumento que imos utilizar para a posta en marcha do biopolo da Sionlla. Polo tanto, o concello que actualmente ten o 49% desa sociedade, pasaría a ter o 80%”.
Emisión rolda de prensa de Sánchez Bugallo. 5 de febreiro de 2021
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela