Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, fixo balance do 2020, “un ano marcado pola COVID”, sinalou, “que condicionou todo; a actividade política, da administración, a das empresas, a vida da cidadanía, etc.” Un ano complexo, engadiu o rexedor, “no que se deron pasos importantísimos, que xa están en marcha, como o orbital, a intermodal ou a administración electrónica; e outros que están encamiñados como a estación de alta velocidade ou a EDAR da Silvouta. Polo tanto, engadiu o rexedor, “non foi un ano perdido. Foi un ano no que se desbloquearon proxectos que levaban moitos anos de atraso”.
Sánchez Bugallo citou o orbital, “unha vella demanda que viña de 2011 e que estaba sen resolver. Empezaron as obras en novembro, e polo tanto está en construción”; e tamén a EDAR, “que hoxe está encamiñada despois de todos os tumbos, de todo o tempo que se perdeu durante estes anos. Dos 9 anos transcorridos, sete foron anos perdidos”. Tamén se referiu á estación do tren de alta velocidade “que despois de oito anos perdidos, tamén está encauzada, con dotación orzamentaria, cun proxecto de execución xa aprobado, e cunha provisión de 30 millóns de euros dos Fondos de Reconstrucción da Unión Europea”, asignados “inicialmente para a súa construción”. Referiuse ademais o avance dos traballos da intermodal, destacando que a primeira parte da obra rematada é Clara Campoamor, “dígoo porque o debate de hai uns meses era se estaría finalizada para cando abrira. Claro que está e é a primeira que estivo. Dígoo con certo orgullo e recoñecemento do que se fixo”. Recordou, a maiores, que 2020 foi o ano no que se implementou a administración electrónica no concello de Santiago, “con moitas dificultades, pero desde o 28 de outubro” xa está operativa.
Ademais, o alcalde agradeceu ao equipo de goberno, ao funcionariado e traballadores/as do Concello, á sociedade, e aos grupos políticos da oposición o “seu sentido da responsabilidade”, que permitiu subliñou, “habilitar uns programas de axuda social” destinados ás persoas e familias máis desfavorecidas; e “uns programas de apoio ao tecido económico, sen precedentes, co relación a épocas anteriores”. “Fixemos, estamos a facer e continuaremos facendo”, engadiu o rexedor, “todos os esforzos que estean ao noso alcance, sen escatimar os medios económicos dos que dispomos nin o esforzo personal que sexa necesario” para facer fronte á pandemia.
DEBATE SOBRE O ESTADO DO MUNICIPIO
O alcalde de Santiago anunciou que “imos recuperar o pleno do estado do municipio”. Rercordou que desde o 2010 só se convocou un. A data fixarase, sinalou, unha vez consultada a Xunta de Voceiros, pero a posibilidade máis probable é a do sábado 30 de xaneiro. “Recuperaremos esa obriga establecida no regulamento orgánico que nos catro anos do PP nunca se celebrou e nos catro anos de mandato de Compostela Aberta”, só se celebrou nunha ocasión
ANO SANTO
Sánchez Bugallo reiterou a “satisfacción que nos produce a noticia da prolongación do Ano Santo” durante todo o 2022, que sinala, “vai ser un ano excepcional. Empezaremos cunha recuperación lenta, a partir de Semana Santa, que espero sexa máis rápida no segundo semestre do ano, dependendo da xeralización da vacina”.
Para o rexedor é importante “aproveitar a excepcional oportunidade que nos vai ofrecer esta ampliación para construír un novo modelo turístico e para seguir avanzando no proxecto de cidade”. Recoñece que neste proceso, “o camiño non vai ser doado”, ao estar condicionado polos datos da pandemia.
COVID 19
Sobre a evolución dos contaxios, indicou que desde o pasado día 23 de decembre se ven producindo “unha certa ralentización do crecemento, que non é unha estabilización”. O dato desta mañá de positivos, 239, “é idéntico ao de onte” e lixeiramente superior ao do sábado, situado en 237. “Temos que esperar que sucede, sobre todo a partir do día 6 de xaneiro”, subliña. Pero ata entón “é importantísimo que sigamos con todas as medidas de protección e con todas as medidas de seguridade. A terceira onda está aquí, en Madrid, en Barcelona, en toda Europa. Os datos dos concellos da contorna, sobre todo dos máis poblados, limítrofes con Santiago son semellantes”, cunha taxa de casos activos de entre 200 e 250 casos por cen mil habitantes. “Estaremos á espera do que propoña o Comité Clínico e da resolución que dicte a consellería de Sanidade”. Pero, engade, “non intuimos grandes cambios”. “Estamos”, segundo Sánchez Bugallo, “nun escenario complexo, susceptible de complicarse aínda máis”.
ORZAMENTOS 2021
O alcalde adiantou que se presentará a proposta de orzamentos a segunda quincena deste mes. “A razón pola que actuamos con prudencia”, continúa, “é debido a que 2021 será un ano excepcional, e o 2022 será un ano moi complicado, desde o punto de vista presupostario. Calquera persoa que non este obcecada e que coñeza minimamento o funcionamento da administración é consciente diso”.
Explica Sánchez Bugallo que ata que non se aprobaron os orzamentos xerais do Estado non había garantías de cal ía ser “a participación do concello neses presupostos”. De momento, explicou, o Goberno Central garantiu que vai manter a aportación do 2020 para o 2021, non para o 2022. Recordou que ese financiamento está condicionado polas porcentaxes recadadas a través de distintos impostos, entre eles o de IRPF, IVE ou Imposto de Sociedades, “ e todos somos conscientes de que a recadación efectiva en 2020 en todos eses conceptos experimenta unha baixada significativa, que a administración xeral do Estado, en principio non nos vai repercutir”. Pero, é probable que “en 2022 nola repercuta e nos reclame incluso as cantidades abonadas a maiores, tal e como pasou na crise anterior”.
Ata non saber como era o comportamento fiscal no concello de Santiago, “era prematuro”, segundo sinalou o alcalde, “tomar decisións presupostarias que en todo caso, estarán marcadas polo compromiso social, polo compromiso co tecido económico e pola prudencia. Non podemos asumir grandes riscos no 2021, aos que logo tivesemos que facer fronte non 2022, “porque é posible que nese ano non estemos en condicións de responder a eses compromisos”. Aclara que a “repercusión desta crise é moi directa e moi inmediata no tecido económico. E na administración é tamén directa, pero non tan inmediata”. Unha vez clarificadas estas dúbidas procederáse, engadiu, ao peche das contas na primeira quincena e na segunda quincena de xaneiro iniciarase o procedemento para a tramitación dos novos orzamentos.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela