Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, confirmou que se seguirán mantendo as restriccións decretadas pola Xunta de Galicia, “a pesar de que, segundo me informou o Comité Clínico, os datos son moi bós”. O rexedor explicou que a incidencia aculmulada dos últimos 14 días, está en 124 casos, “e baixando”. A expectativa coa que se traballa, engadiu, é que o vindeiro 4 de decembro se poida abrir a hostalería “nas condicións que se determinen”; e se poida levantar o peche perimetral, o que “sería moi positivo”.
A pesares de que a curva epidemiolóxica segue unha tendencia á baixa, “de momento, e por prudencia”, sinalou o alcalde, non se traduce en cambios. Valorarase, indicou, novamente a semana que ven. Sánchez Bugallo sinalou que xa lle transmitiu ao conselleiro de Sanidade que “nós respectaremos, acataremos e cumpliremos as resolucións do Comité Clínico”. O alcalde pensa, que, se se mantén este descenso, “a semana que ven, estaremos por debaixo dos 100 casos por cen mil habitantes”. O rexedor fai un chamamento á cidadanía: “non podemos descoidarnos. Temos que manter a constancia no empeño para que non se torza esta tendencia tan positiva que vimos mantendo, e este esforzo tan enorme que vimos sufrindo desde o 27 de outubro”.
Sánchez Bugallo confirmou que, “en calquera caso”, vaise continuar adiante co programa de Nadal, “cos mercados, con todas as condicións de seguridade; coa iluminación, que está previsto prendela o día 4 pola tarde”. O alcalde engade que neste momento “a recuperación da confianza, a recuperación da ilusión e do ánimo, é fundamental” para a poboación.
Adiantou tamén, que a vindeira semana ten previsto reunirse coas asociacións de hostalería e coas asociacións de comerciantes, “para ir perfilando con eles os criterios e as convocatorias das axudas. Queremos sacalas na primeira quincena de decembro”. Unhas axudas, continuou, que tamén van chegar ao sector cultural. O rexedor sinalou que se van estudar “con atención as normas que publica hoxe na Xunta o DOG; para ver en que medida eso nos axuda a nós para que os nosos programas de subvencións sexan complementarios e non competitivos” cos do goberno galego. “Nos queremos sumar, en beneficio da nosa cidadanía e da veciñanza”.
INFRAESTRUTURAS
O alcalde tamén se referiu, na súa comparecencia ante a prensa, ao inicio das obras do orbital, “un vello proxecto” que, recordou, se pospuxo en 2011. “Pero afortunadamente”, continou, “agora estamos vendo a recta final. Está en construción, desde onte”. Sobre o orbitaliño explicou que “estase co proxecto e espero que poida saír a licitación ao longo do ano que ven”. Con estas dúas infraestruturas, subliñou, “Santiago disporá dun equipamento en materia de accesibilidade por estrada, sencillamente espectacular; e dentro dos polígonos empresariais da zona norte, eu creo que vai ser absolutamente singulares; atravesados por unha estrada nacional, por dúas autovías, por unha autopista, polo tren e conectados cun aeroporto internacional a 5 minutos de distancia, e unidos ao casco urbano dunha cidade como Santiago”. En opinión de Sánchez Bugallo, “é un paso adiante moi importante para a cidade”.
Sobre a estación do tren de alta velocidade, recordou que o proxecto de execución xa se está elaborado, “pendente de sinatura por parte da presidenta de Adif, a quen lle quero agradecer o impulso que lle está dando a esta actuación”, condicionada, engade, “a esa aprobación da Lei Xeral presupostaria, en trámite no Parlamento, onde por primeira vez aparece, dotada con 30 millóns de euros, a construción desta estación”. O rexedor espera que as obras poidan saír a licitación a principios do ano 2021, con data de finalización para o ano 2023.
O rexedor engadiu que o complexo intermodal “será a principal infraestrutura de comunicación terrestre de Galicia, sendo a que máis persoas mova”, xa que, sinala que pode acoller a 7,8 millóns de persoas. O alcalde explicou que, relacionado con esta infraestrutura, consignáronse 600.000 euros para solucionar os problemas de conectividade que poidan xurdir. ” Reforzarase así a centralidade do Ensanche e a conectividade de toda a cidade”, finalizou Sánchez Bugallo.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela