Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, é o novo presidente do PSOE provincial da Coruña, que dirixirá o novo secretario xeral, Bernardo Fernández. Aprobouse hoxe no IX Congreso Provincial, co 95,24% dos apoios.
Ademais, a candidatura ao comité provincial, no que estará a deputada autonómica Noa Díaz , que foi rival de Bernardo Fernández nas primarias, rcibiu un 96,1% dos votos. Pola súa banda, Sánchez Bugallo, tamén será o representante da provincia no Comité Federal, unha candidatura que recibiu o 82,25% dos votos. Por último, Margarita Igrexas presidirá a comisión de ética, que recibiu o 81,22 dos apoios.
Na clausura, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, asumiu o reto de chegar á Xunta de Galicia para “devolverlle a ilusión a Galicia e pasar páxina dun Feijóo máis preocupado de facer seguidismo de Ayuso, Casado, Mañueco e Ejea” que de defender a Galicia. Así o dixo na súa intervención na clausura do 4º Congreso do PSdeG de Coruña, no que deu o relevo á fronte da secretaría xeral a Bernardo Fernández e á nova executiva, ratificada co 95,24 por cento dos votos.
González Formoso chamou a relevar ao presidente da Xunta “por inoperancia” logo de constatar a súa “renuncia á defensa dos intereses dos galegos e das galegas para ser oposición ao goberno do Estado en lugar de ser presidente do noso país”. Sinalou así a súa estratexia de “poñer paus nas rodas” da reforma laboral, da actualización das pensións, a Lei de FP ou entorpecer os bonos de alugueiro para os mozos e mozas.
Resumiu que o presidente da Xunta quere “poñerlle paus nas rodas ao avance do país”, nas antípodas do proxecto socialista “que representa a ilusión, un partido que anhela soñar Galicia, recuperar o espírito dun país que necesita reinventarse, revolucionarse tranquilamente e soñar un país aberto”.
Avogou por unha Galicia na que “ningún xubilado teña que preocuparse de se terá pensión no seu futuro, e ningún pai ou nai teña medo polo futuro polos seus fillos e se terán que irse alén das nosas fronteiras”. Sinalou que “se Einstein nace en Mañón ou Rosalin Franklin nace en A Guarda terán a oportunidade de soñar Galicia e facer mellor este país”.
O líder dos socialistas galego augurou o “rexurdir do PSdeG”, porque “parecémonos a este país máis que ningunha outra formación”, unha Galicia que “ten espírito propio, non ten apelidos nin pertence a ningunha formación política”. Defendeu “un pobo libre, orgulloso do pasado e que non renuncia ao futuro, que non quere á dereita conservadora nin ao trasnoitado nacionalista”.
González Formoso criticou un PP no que “todo vale”, en alusión ao “espectáculo” do conflito entre Casado e Ayuso, demostrando que “váleslle arrasar, espiar, comprar vontades, as peores prácticas da política, que en realidade son prácticas mafiosas incorporadas á política”. Chamou a “non permitir” estas prácticas que en realidade “danlle unha oportunidade ás formacións de extrema dereita e ao populismo”.
Imaxe de arquivo do alcalde de Santiago
O responsable socialista interveu no peche do Congreso que comezou cun recordo ás vítimas do sinistro do pesqueiro Villa de Pitanxo e do mundo mariñeiro e “é Galicia en esencia”, do que viven máis de 30.000 familias de Galicia. Reivindicou a solidariedade “non só nestes días, senón que estaremos con estas familias cando xa ninguén se acorde delas”.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela