Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, amosou a súa preocupación pola evolución dos datos de contaxios por COVID19, que cualificou de “preocupantes”. A tendencia, sinala, volve ser á alta, despois das cifras favorables rexistradas entre o “27 de outubro e o 5 de decembro”. Hoxe, recordou, hai 137 casos positivos, e onte eran 121, o que sitúa a incidencia en 102 casos por cen mil habitantes. Hai unha semana “era de 84”.
O rexedor é claro: “hai un emperoramento continuado da situación”, con datos preocupantes, “que se non temos coidado obrigará á administración pública a adoptar novas medidas”, que suporán, engadiu”, “unha limitación aos dereitos das persoas e un importante grado de afectación na actividade económica para moitas familias de Santiago”. Para Sánchez Bugallo, “non se está actuando ben”, e volve apelar, de novo á responsabilidade individual e persoal “de cada un de nós”. Aínda así, recoñece que a situación en Compostela sigue sendo mellor que a media de Galicia e a media do Estado Español.
Se continúa a tendencia á alza no número de contaxios, o alcalde afirma que “haberá marcha atrás fixo, e estará xustificada”, en referencia a que volverán a endurecerse as restriccións anticovid. En resposta á pregunta sobre a orixe deste repunte, Sánchez Bugallo explica que hai dous escenarios importantes de contaxio: “fontes da contorna familiar, a máis numerosa e a máis dispersa”, e un concerto de iniciativa privada celebrado nun hotel, un espazo privado, o pasado 5 de decembro.
O alcalde incidiu na necesidade de non relaxarse: “todos sabemos o que nos costou frear os contaxios e facelos baixar, e en cambio é moi doado que volvan empeorar. Sería tristísmo que na véspera de Noiteboa e en Nadal houbese que incrementar as medidas de seguridade en Santiago e restrinxir os usos”, e, engade, “a vista da evolución que están tendo os datos, non se pode descartar en absoluto.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela