Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, considera que a resolución xudicial de designar ao Estado depositario de todos os bens do pazo de Meirás “achegan máis as estatuas” de Abraham e Isaac, atribuidas ao Mestre Mateo “ao patrimonio público”. Trátase, engadiu, dunha “garantía importante” polo que “estamos moi satisfeitos”.
O rexedor lembrou que as estatuas son propiedade do Concello de Santiago e espera que “a través das resolucións dos tribunais de xustiza” poidan volver ao seu propietario. O interese, continuou, é que permanezan no patrimonio público e sexan accesibles á cidadanía.
Sánchez Bugallo afirma que, se no seu día a familia Franco houbese tido “a decencia” de ceder as estatuas ao Museo da Catedral de Santiago tería sido unha solución “perfectamente válida”.
AXUDAS
O alcalde realizou estas declaracións na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, na que tamén se referia as axudas para gastos correntes destinados aos sectores máis castigados economicamente polas medidas sanitarias derivadas da pandemia: o comercio, a hostalaría e sector cultural.
As axudas, segundo explicou o rexedor, son de 1,6 millóns de euros para gastos do sector hostaleiro, 600.000 euros para o comercio, e uns 300.000 euros para o sector cultural. Aprobounas o goberno local, e está previsto que se publiquen este xoves, 10 de decembro no BOP da Coruña. De seguir este calendario, o prazo de presentación de solicitudes situaríase entre o 11 e o 15 de decembro. As bases poden consultarse en: http://santiagodecompostela.gal/hoxe/nova.php?lg=gal&id_nova=20160
CONTAXIOS
O alcalde sinalou que Santiago conta, neste momento, con 90 casos activos de coronavirus, situándose nos “niveis do mes de agosto”. Sánchez Bugallo explicou que no primeiro fin de semana de alivio de restricións na cidade cumpríronse “perfectamente” con “carácter xeral” as medidas anticovid vixentes. Engade que tan só se cursaron dúas denuncias o pasado fin de semana a senllos establecementos hostaleiros por incumprimentos. “Non me parecen moitas”, subliñou.
Pero, a pesar da evolución, o rexedor continúa apelando á prudencia da cidadanía para evitar un repunte dos contaxios; e pide seguir “moi atentos e vixiantes”.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela