Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, destacou, na súa primeira intervención, durante o pleno de debate do estado do municipio, os avances acadados durante o seu mandato, e avanzou as políticas para este ano que comeza. O rexedor confirmou que se manterán as prioridades do seu goberno: “o apoio aos máis vulnerables, o apoio aos sectores económicos máis afectados e a aposta pola reactivación económica son e seguirán sendo o eixe central da nosa actividade”.
Sánchez Bugallo comezou o seu discuros lembrando ás vítimas da actual situación sanitaria e económica, consecuencia da COVID-19, unha crise, sinalou, dunhas características e dimensións descoñecidas nos últimos cen anos. “Quero que as miñas primeiras palabras e recordos vaian dirixidas para aquelas persoas que xa non están entre nós, con especial referencia a dous antigos compañeiros de Corporación, Dositeo Rodríguez e Nemesio López: ambos forman parte dos máis de 50 compostelás e composteláns que perderon a vida, igual que outros 1.600 galegos e galegas e máis de 50.000 cidadás e cidadáns do resto de España. Xunto con elas, quero lembrar a todas aquelas persoas que están a sufrir as consecuencias na súa saúde e nas súas condicións de vida; a todas as persoas que traballan no comercio, na hostalería, na cultura, no ámbito dos deportes… e que están sendo golpeadas duramente nestes momentos”, subliñou.
Dirixíndose á cidadanía, engadiu que “despois de case un ano, e cando somos conscientes de que aínda quedan meses por diante, quero manifestar a miña total confianza na capacidade de resiliencia e superación de toda Galicia, e moi especialmente de Santiago de Compostela. Esta crise, que nos está obrigando a reestruturar a nosa orde de prioridades, non altera os obxectivos fundamentais que tiñamos marcados: debemos seguir traballando na igualdade efectiva entre todas e todos; avanzando na ampliación e diversificación das bases económicas desta cidade; seguir achegando innovación e emprendemento como alternativas de futuro; e poñendo en valor os enormes activos de Santiago: a Universidade, a súa historia e o seu patrimonio histórico; a cultura, como elemento diferencial da cidade e como un enorme capital de futuro; e a capacidade da cidadanía de desenvolver iniciativas propias”, continuou; para a continuación, engadir que ten “unha absoluta confianza na capacidade de Santiago e na dos seus cidadáns e cidadás para superar esta crise. Neste sentido, o Ano Santo no que xa estamos, coa súa prolongación durante 2022 e os seguintes de 2027 e 2032, un período de tempo que, por certo, coincide coa perspectiva marcada pola Axenda 2030, vainos ofrecer un marco e unhas posibilidades extraordinarias que debemos ser quen de aproveitar”.
Resposta á pandemia
A segunda parte da intervención, centrouse na resposta dada polo concello ás necesidades e as demandas da cidadanía durante a pandemia, que explicou, xiraron arredor de catro eixos: “apoio a quen máis o necesita; apoio aos sectores económicos máis gravemente afectados; mantemento dos servizos públicos, en circunstancias diametralmente distintas das que eran habituais e para as que estaban concibidos; e a reorganización do funcionamento da Administración Pública para seguir sendo operativa, priorizando o teletraballo onde era posible e reestruturando o funcionamento dos diferentes servizos municipais”
Despois de facer un recoñecemento expreso aos funcionarios, ao persoal laboral e tamén aos traballadores das contratas, “que fixeron posible que tanto a institución como a cidade á que serven seguira funcionando ante estas circunstancias”, aos que agradeceu a súa implicación e a súa actitude colaborativa, igual que aos restantes grupos que integran a Corporación Municipal.
Asegurou que “nin este goberno nin ningún outro, nin ningún de nós, estaba preparado para este escenario, pero aínda así fomos quen de adaptarnos rapidamente e responder ás demandas da nosa cidadanía”. A continuación, o alcalde, centrouse en algunhas das moitas medidas adoptadas polo concello. Destacou, en concreto, o apoio aos máis vulnerables e a atención ás necesidades sociais máis urxentes, con:
En total, os servizos sociais do Concello de Santiago prestaron atencións e servizos a 23.376 persoas no ano 2020, cando en 2019 foran 11.478, é dicir un 103,66% máis. Isto foi posible, explicou Sánchez Bugallo “grazas ao extraordinario traballo desenvolvido polas profesionais que integran este departamento, que se viu reforzado neste ano con 9 incorporacións, pasando de 17 a 26 traballadores”.
O alcalde de Santiago tamén destacou, no seu discurso, o apoio aos sectores económicos máis afectados, por parte do concello de Santiago. En relación ao comercio, lembrou o programa de incentivación de compras “Eu merco aquí”, o programa de bonos de aparcamento financiado polo Concello a través de convenios coas diferentes asociacións comerciais, ou o desenvolvemento da Festa do comercio local “PRIMA 20”.
Tamén se puxeron en marcha axudas directas ao sector cultural, ao comercio e á hostalería, tanto para a renovación e a promoción dos negocios, como para o pago de xuros. “Aprobáronse bonificacións fiscais, procedeuse á suspensión do cobro de determinadas taxas e servizos e, como pedía o sector, e elaborouse un programa de Nadal, dentro das posibilidades que a pandemia nos permitiu”, sinalou.
Nas axudas a estes sectores investíronse 3.850.000 euros, dos que 2,5 millóns foron con cargo aos remanentes, e chegouse a máis de mil empresas da cidade. “A esa contía cómpre engadir que o Concello deixou de percibir máis de un millón de euros”, sinalou, para despois recordar o convenio subscrito coa Cámara de Comercio a través do cal o Concello financia moitos dos programas e axudas xestionados por esta institución.
O rexedor tamén se referiu ao mantemento da calidade dos servizos públicos nunha situación completamente diferente da prevista: “todos os servizos municipais funcionaron de acordo coas limitacións establecidas legalmente, o que por outra parte supuxo e está a supoñer un extraordinario incremento de custos nalgúns servizos. Sirva de exemplo o departamento de Educación, onde o Concello deberá facer fronte a un incremento de custos de aproximadamente 40 mil euros mensuais como consecuencia das obrigacións derivadas da normativa antiCovid, e a un incremento de custos nos programas de comedores escolares aínda por cuantificar pero que é previsible que sexa elevado”.
Respecto ao transporte público, destacou que se mantivo ao 50% durante os meses de confinamento, aínda que o número de persoas usuarias se reduciu máis desa porcentaxe. Destacou ademáis, o reforzo do servizo de limpeza na cidade, nos parques infantís e instalacións deportivas, e, nas propias dependencias municipais, co incremento de custes correspondente.
Outra medida destacada foi a reorganización do funcionamento da Administración Local “para seguir sendo operativa, priorizando o teletraballo e reestruturando o funcionamento dos servizos públicos de titularidade municipal, a través dun proceso de adaptación permanente ás condicións cambiantes de semana a semana”. Neste sentido, Sánchez Bugallo salientou o esforzo realizado en materia de dixitalización, para lembrar que “máis de 200 traballadores desta casa prestan en diferentes momentos os seus servizos a través do teletraballo, o que obrigou á reorganización de gran parte dos servizos municipais, reto inxente que foi posible grazas ao tremendo esforzo desenvolvido polos traballadores do departamento de Informática. Para iso tamén foi necesario ampliar a estrutura de servidores e almacenamento no centro de procesos de datos, adquirir 350 novos ordenadores persoais e actualizar o hardware de outros 216 equipos”. Todo isto, engadiu, “non sería posible sen o persoal que integra este Concello”, desde persoal administrativo, ata a Policía Local, o Servizo de Extinción de Incendios, así como á agrupación de voluntarios de Protección Civil, 2 o resto de traballadores do Concello. “En resumo, só cabe expresar a felicitación e o agradecemento polo excelente labor desenvolvido por centos de traballadores e funcionarios municipais, sen eles as vidas dos nosos cidadáns terían sido moito máis difíciles”, subliñou.
Retos para Santiago
O terceiro eixo do discurso do alcalde de Santiago, centrouse nos principais retos para a capital de Galicia, nos que se continuou traballando. Estas prioridades, recordou, “quedaron plasmados no acordo subscrito por todas as forzas políticas presentes e polos representantes do FORO CÍVICO de Santiago, que foi, así mesmo, ratificado por unanimidade no Pleno ordinario da Corporación do mes de xullo de 2019 e convertido en Declaración Institucional. Este documento recolle os puntos que decidimos “situar como obxectivos prioritarios do mandato”
Estes obxectivos prioritarios son a industrialización de Santiago; a estación intermodal; as infraestruturas A54, Orbital e Orbitaliño; a EDAR; e a reforma da administración local.
Respecto da industrialización, salientou distintas medidas implementadas, como o avance na constitución e desenvolvemento do BIOPOLO, a aprobación da modificación das ordenanzas fiscais, “establecendo bonificacións fiscais durante cinco anos de ata o 95% no IBI, IAE, ICIO para aquelas empresas que crearan emprego, ampliasen o seu cadro de persoal e avanzasen na modernización tecnolóxica; “acordamos a declaración de Santiago como Concello Emprendedor, dentro do programa Doing Business”; e “demos un pulo real e efectivo ao Polígono da Sionlla coa resolución dos dous problemas que tiñan bloqueada a concesión de licenzas: por un lado, solventáronse os problemas derivados da subministración de auga e saneamento coa posta en marcha da estación de bombeo e os depósitos de auga; por outro, garántese a subministración eléctrica mediante a construción, por parte da Xunta de Galicia, da subestación eléctrica prevista no proxecto de urbanización, pero non executada”, explicou. Estas actuacións “fixeron posible, ao longo destes 18 meses, a concesión de preto de 30 licenzas para a instalación de novas empresas no polígono da Sionlla, ás que se unirán nos vindeiros meses outras 22, actualmente en distintas fases de tramitación”.
En relación á estación intermodal, recordou as actuacións rematadas e as que están en marcha. Por parte do concello, a habilitación da rúa Clara Campoamor para acceso á nova intermodal, operativa desde o mes de outubro. Por parte da Xunta, a finalización, case inminente da estación de autobuses e a pasarela de acceso e conexión, financiada esta a partes iguais polas administracións central, autonómica e municipal. E a maiores, “tamén se conseguiu o desbloqueo da estación de tren, que conta co proxecto de execución xa elaborado e dotación orzamentaria nos PXE de 2021, con previsión de continuidade no 2022 e remate no ano 2023, con cargo ao Fondo Europeo de Reconstrución. Neste sentido quero salientar o compromiso público manifestado polo Ministro de Fomento o pasado mes de decembro”.
No capítulo de infraestruturas lembrou que o orbital atópase actualmente en obras, con previsión de remate no ano 2023; que tamén están en execución os tramos que faltan da A54, con dotación orzamentaria do Estado nos anos 2021 e 2022, e previsión de remate dos traballos no ano 2023. En canto ao Orbitaliño, atópase en proceso de resolución das alegacións presentadas polo propio Concello. “O noso obxectivo”, indicou “é conseguir o seu remate para o ano 2023.
No que respecta á EDAR, recordou que a situación de partida era un convenio para a redacción do estudo para a determinación do proxecto de construción da depuradora de augas residuais, cun custe de 450.000 euros financiados integramente polo Concello de Santiago e cos fondos europeos FEDER 2014-2020 retirados (31 millóns de euros). Pero, “a situación actual é ben diferente: o convenio para a construción e explotación da nova EDAR está aprobado polo Consello de Administración de Acuaes, pola Xunta de Galicia e pola Xunta de Goberno do Concello de Santiago”. Explicou o reparto da financiación, con 36,58 millóns a cargo dos Fondos Europeos de Reconstrución; 10,86 millóns procedentes da Xunta a través de Augas de Galicia; e 8,57 millóns (máis IVE) con con cargo ao Concello de Santiago. A previsión é que as obras comecen en 2022 e rematen no ano 2025, co obxectivo de que a EDAR comece a funcionar no ano 2026.
En canto á reforma da administración electrónica, recordou que se puxo en marcha “o pasado 28 de outubro, engadindo a sede electrónica, o rexistro electrónico, as notificacións electrónicas, o taboleiro electrónico e todos os servizos habilitantes, así como un xestor de expedientes electrónicos”. Desde a súa posta en marcha mecanizáronse 510 expedientes, dos que 305 son a instancia de parte e foron publicados na sede electrónica. Hoxe, engadiu “está en funcionamento efectivo, se ben é xusto recoñecer que quedan aínda aspectos por corrixir e por mellorar”.
O alcalde rematou o terceiro eixo da súa intervención indindo en que “estamos, polo tanto, avanzando e superando todas as dificultades que se nos presentan, nun escenario extremadamente hostil. Os grandes cambios soen entrañar dificultades no seu arranque, pero estamos convencidos de que se irán solventando máis axiña que tarde, o que nos permitirá seguir avanzando cara a unha administración máis efectiva, rápida e transparente”.
Outras actuacións destacadas
No capítulo catro da súa intervención, Xosé Sánchez Bugallo, referiuse a outras aspectos importantes da xestión do grupo de goberno, nestes 18 meses de mandato.
Aspectos como a igualdade de xénero, no que salientou “o excelente traballo desenvolvido nesta área, que por certo cumpre 30 anos, en condicións verdadeiramente extraordinarias, que fixeron necesario un reforzo da actividade asistencial. Durante o tempo de confinamento prestouse especial atención a posibles situacións de violencia machista e levouse a cabo unha campaña de sensibilización que, baixo o título “Rompe o silencio”, e púxose en marcha o servizo de Vioxen da policía local tralo convenio asinado coa Secretaría de Estado de Seguridade”.
En materia de Emprego destacou “non só o mantemento de todo o programa previsto, incluído TALENTIA SUMMIT, que se celebrou a través de medios virtuais cunha participación de máis de 45.000 usuarios activos, senón tamén a excepcional acollida do programa de cursos online, impartidos a 7.500 persoas, e a posta en marcha da oficina para o asesoramento sobre o Ingreso Mínimo Vital, que axudou a 920 persoas e tramitou 498 expedientes de solicitudes”.
No eido cultural, salientou o mantemento “de toda a actividade cultural programada en moitos casos adiando as datas”, a pesar da lmitación de aforos e as condicións de seguridade impostas que “fan moi difícil e limitan enormemente o desenvolvemento normal da actividade cultural, incrementando notablemente os custos e minorando as expectativas de ingresos”. Destacou tamén, a convocatoria de axudas realizada no mes de Nadal “da que son beneficiarias 57 empresas culturais”.
Respecto ao sector turístico, o alcalde recordou que “os datos dos meses de xaneiro e febreiro de 2020 foron os mellores da historia tanto no referente ao uso aeroportuario como á ocupación hoteleira”. un escenario que mudou en marzo, coa pandemia e posterior confinamento, que derivou na posta en marcha “dunha serie de medidas orientadas á recuperación do mercado turístico, totalmente condicionadas pola evolución da pandemia. Neste conxunto de medidas destacan as accións dirixidas á captación e recuperación do turismo, priorizando os destinos máis próximos: España e Portugal, o novo Plan de Promoción Turística, o Plan de Captación e Apoio a congresos e xornadas ou o Plan de Choque coas Cidades Patrimonio”.
Tamén se referiu o rexedor ao acondicionamento da Casa Elisa e Jimena Fernández de la Vega para sede da concellaría da Cidade Histórica co traslado de servizos administrativos, especificamente de urbanismo, pero tamén coa habilitación dun espazo de encontro coa veciñanza que será complementado e ampliado coa posta en marcha do novo centro de Salvador Parga. E destacou, a maiores, a colaboración “activa” con AMTEGA e co Consorcio da Cidade de Santiago, para a instalación da fibra óptica, coa que, engade, “por fin se lle está a dar unha solución á veciñanza”. Actualmente está en pleno proceso de despregamento e “coa previsión de que en Semana Santa toda o zona vella dispoña deste servizo esencial, longamente demandado e que, por fin, se materializa”, indicou. .
En medio rural, sinalou que se adxudicaron once investimentos por un importe total de 1.895.970 euros; destacou o mantemento das actividades nos centros socioculturais do rural “condicionadas pola pandemia” e reiterou o compromiso co Pacto polo rural.
Outro apartado destaco foi urbanismo e obras, nos que se seguiron, explicou Sánchez Bugallo, catro liñas básicas de actuación: a implementación de actuacións orientadas prioritariamente a zonas cunha clara necesidade de mellorar os espazos públicos ou a accesibilidade e que redunden nunha mellora significativa da calidade de vida da veciñanza; a modificación e adaptación do planeamento en vigor para dar resposta ás novas necesidades da poboación, como por exemplo, a modificación do PXOM tanto para usos turísticos como para o uso residencial de baixos; a recuperación das políticas de vivenda, tanto a través do impulso da rehabilitación do parque de vivendas existentes, principalmente a través das ARIS, como da recuperación da política de vivenda protexida. Durante o actual mandato, destacou que se outorgaron 355 licenzas para a construción de vivendas, 291 para vivenda nova e 64 para rehabilitación, a maiores das licenzas dos parques empresariais.
No apartado de mobilidade e seguridade, Sánchez Bugallo salientou as 1360 denuncias formuladas pola policía local por incumprir a normativa antiCovid, das que 493 foron por festas en vivendas. Destacou tamén que xa van cinco anos sen vítimas mortais por accidente nas vías urbanas; e os “1200 operativos desenvolvidos ao longo do ano por Protección Civil”.
No capítulo de persoal, o alcalde destacou a implantación da Carreira Horizontal, co acordo unánime de todos os sindicatos e a aprobación da estrutura orgánica administrativa e funcional.
Outro proxecto que resaltou foi SMARTIAGO: Recordou que “en xullo de 2019 atopamos un proxecto para o que o Ministerio librara 1.977.600 euros e AGAIN 100.000 euros. Tiñan transcorrido dous anos e soamente estaban executados 30.000 euros e pendente de adxudicar o contrato da oficina técnica de apoio. O prazo de execución finalizaba no 2021, polo que existía un serio risco de ter que devolver eses recursos e de perda das contías xa recibidas. Xestionouse unha ampliación de prazo ata 2022 e actualmente están en execución cinco contratos por un importe de 3.882.679 euros e en proceso de licitación o resto”.
Desde o punto de vista institucional, o rexedro salientou que “empezamos a recuperar a presenza en órganos nacionais e internacionais, posicións perdidas, abandonadas, durante os últimos anos. Formamos parte das executivas de asociacións nacionais e internacionais e eu mesmo represento á Federación Española de Municipios e Provincias en diferentes comisións con distintos ministerios, como na Axenda Urbana 20-30 ou na relativa aos Fondos Europeos Next Generation”.
Previsións para o ano 2021
O eixo cinco da súa intervención centrouno nas politicas previstas para o ano 2021. Mentras non haxa, asegurou, unha volta á normalidade, “continuaremos prestando unha especial atención aos sectores máis vulnerables. Con este obxectivo, quero anunciar a creación, como programa piloto, do SEMUS, o Servizo Municipal de Urxencias Sociais, en colaboración coa Cruz Vermella. Este servizo, básico en calquera momento, pero máis nun contexto de crise sociosanitaria e dentro do Ano Santo, pretende ofrecer de xeito inmediato unha atención especializada a persoas que, de forma imprevista, se atopen en situación de vulnerabilidade social. Será complementario da atención que xa prestan os Servizos Sociais municipais no horario no que estes non estean operativos e apoiaría o labor da Policía local, Bombeiros e Protección Civil cando no desenvolvemento das súa funcións se presenten problemáticas sociais que requiran inmediatez na resposta. O servizo permanecerá activo os 365 días do ano as 24 horas do día: de forma presencial de 15 a 23 horas e de forma telemática o resto do tempo”.
Tamén, engadiu, “abriremos unha liña específica no propio departamento municipal de Servizos Sociais de valoración e intervención coas persoas maiores que residan soas, licitaremos a adecuación e construción do Centro Integral para a Inclusión Social (CIPIS); ampliaremos o convenio ordinario asinado coa Cruz Vermella coa finalidade de financiar máis teleasistencias domiciliarias para persoas maiores e de incrementar as rutas nocturnas para a atención ás persoas sen fogar; e incrementaremos o orzamento dedicado á Ordenanza de garantía básica cidadá en 70.000 euros, entre outras medidas”.
Coa vista posta na recuperación social e económica, a prolongación do ano Santo 2021 ao ano 2022 ofrece, engadiu, unha extraordinaria oportunidade, desde o punto de vista turístico, e para que Santiago sexa unha referencia nacional e internacional con todo o que isto implica. Neste sentido, continuou, “o Plan de Sostibilidade Turística será o instrumento, non só para a recuperación do sector turístico senón tamén para a definición e posta en marcha dun novo modelo”.
Referiuse tamén á produción e xestión cultural, á industria cultural, que poden e deben, dixo, “ser motores do desenvolvemento de Compostela e ofrecer oportunidades ás novas xeracións. A tal fin debemos ampliar e coordinar os recursos municipais pero, aínda así, serían insuficientes”. Recordou que a Cidade da Cultura se foi consolidando nos seus dez anos de vida, e que será necesario reflexionar sobre a oferta cultural que xera, xuntoa ao CGAC, Auditorio, ou as distintas fundacións que existen en Santiago.
Segundo Sánchez Bugallo, o Consorcio de Santiago e o Real Padroado deben ser piares fundamentais na recuperación. “Necesitamos que o Consorcio recobre o papel e o protagonismo que xogou noutros momentos, pode e debe ser o instrumento acaído para artellar a colaboración interadministrativa ao redor deste proxecto. Neste senso, a proposta estratéxica plurianual para o período 2021-2027-2032 debe ser a guía compartida para o traballo das administracións”, engadiu.
A continuación, o alcalde confirmou que se manterán as prioridades do seu goberno, “o apoio aos máis vulnerables, o apoio aos sectores económicos máis afectados e a aposta pola reactivación económica son e seguirán sendo o eixe central da nosa actividade”.
Relacionado con industria, o alcalde subliñou que “na primeira quincena do mes de febreiro de 2021 prevemos a convocatoria dun pleno extraordinario para aprobar as transferencias de crédito necesarias co fin de que o Concello adquira o 80% da Sociedade UNINOVA, instrumento fundamental para avanzar no BIOPOLO e na política de industrialización.” Outro dos obxectivos enumerados é a instalación de novas empresas en Santiago. A previsión é “conveniar coa Xunta de Galicia en canto se aprobe a Lei de emprendemento, ao obxecto de impulsar e coordinar as actuacións coa Comunidade Autónoma para facilitar a instalación de novas empresas en Santiago e a ampliación das existentes.
En canto á EDAR, anunciou que o vindeiro 5 de febreiro, ás 9:30 horas da mañá, se non hai cambios, está prevista a sinatura do convenio para a construción e explotación na nova depuradora. “Inmediatamente procederase á adxudicación do contrato a unha das catro ofertas preseleccionadas de entre as participantes no procedemento de diálogo competitivo”.
En relación coa Estación Intermodal, anunciou que “no mes de marzo licitaremos o acondicionamento da rúa do Hórreo, data na que esperamos ter recibida a estación de autobuses e a pasarela. Ao respecto da estación do AVE, unha vez aprobados os orzamentos xerais do Estado, a proposta debe ser trasladada a Europa para a súa inclusión no Fondo Europeo de Reconstrución e traballamos para que se licite e se adxudique este mesmo ano, co obxectivo de que se remate no ano 2023”.
O rexedor sinalou que “somos conscientes de que necesitamos uns servizos de calidade para afrontar en condicións axeitadas os retos pendentes”; e recordou os distintos procesos de contratación. “Algúns procedementos de licitación xa están en marcha e outros moi avanzados; esperamos e traballamos arreo para conseguir neste ano, e se é posible neste primeiro semestre, licitar os novos concursos de limpeza, transportes, abastecemento de auga e saneamento”.
Tamén falou sobre o novo Plan Estratéxico é a Axenda Urbana 20-30. “En base a ela”, sinalou o alcalde, “debemos actualizar os obxectivos e retos, definir a onde queremos chegar e como queremos ser dentro dunha década. Vai requirir estudos, participación e consensos para definir un proxecto compartido que sirva de guía para o vindeiro decenio, independentemente do nome ou color político dos futuros gobernos”.
Conclusións finais
Xa nas conclusións finais, o alcalde recordou que o ano 2020 “e este inicio do 2021 están sendo extremadamente duros para a nosa veciñanza e polo tanto tamén para os seus representantes, formemos parte do goberno ou da oposición. Porén, foi un tempo no que se amosou que as Administracións estamos a carón dos cidadáns e das cidadás, apoiándoos en todo o que nos é posible; e non foi un tempo perdido, os retos principais da cidade avanzaron de xeito significativo”.
“Temos diante de nós”, continuou, unha extraordinaria oportunidade para seguir avanzando e para poñer Santiago no centro de Galicia, de España e do mundo: un proxecto estratéxico que desenvolva a Axenda 2030 e un ciclo de sucesivos Anos Santos. Con este marco, debemos recuperar a posición que durante anos ocupou o noso concello como referencia nos ámbitos cultural, patrimonial, urbanístico e de calidade de vida e, sobre todo, debemos avanzar na construción dunha cidade capaz de ofertar un futuro dentro de si ás novas xeracións, igualitario e axeitado ás súas posibilidades e necesidades”.
É unha tarefa, engadiu, “na que todos nós, cada un desde a súa posición, estamos chamados a traballar, poñendo por enriba de todo á nosa cidadanía, aqueles e aquelas aos que representamos e debemos servir”.
Intervencións de Sindo Guinarte
Despois das intervencións dos grupos da oposición, tomou a palabra o portavoz do Grupo Municipal Socialista. Sindo Guinarte tamén destacou a situación actual, que definiu como “ unha traxedia persoal para miles de familias, que se viron e se ven a diario afectadas pola perda da vida ou da saúde, de persoas que teñen nais, fillas, irmás e amigos nesa situación. A todas esas persoas, ás afectadas pola enfermidade e ás súas familias, manifestámoslle dende o grupo municipal socialista a nosa solidariedade e o noso agarimo máis intenso”. .
Guinarte recordou que a pandemia obrigou ao goberno municipal a atender novas proridades que non formaban parte dos obxectivos inicialmente previstos, pero sen esquecer os iniciais obxectivos programáticos. Lembrou os datos dados polo alcalde e recordou que o grupo de goberno traballou con todas as súas enerxías para atender a nova situación de emerxencia, de emerxencia social, económica, cultural, na mobilidade, no comercio, no turismo, nas escolas e colexios, nos espazos públicos, ou no deporte. E engadiu que o goberno socialista puxo o seu empeño en facelo sen descoidar tódolos ámbitos da xestión ordinaria: a atención aos servizos públicos esenciais que son competencias propias das administracións locais, e a execución das obras necesarias para que a cidade estea nas mellores condicións posibles cando se recupere.
Sindo Guinarte tamén destacou que “dar resposta a esas persoas que se atoparon nunha situción de extrema vulnerabilidade converteuse para o goberno municipal nun obxectivo prioritario e urxente a partir do día 14 de marzo de 2020. “Seguramente con erros, que tratamos de ir corrixindo no día a día, tentamos dar resposta axeitada a esas necesidades. Que ningún veciño ou veciña quedase sen o sustento básico foi o noso obxectivo. Demos unha resposta urxente e solidaria, como era obrigado”, engadiu..
Xa despois, continuou, “houbo que atender ás novas necesidades derivadas da situación: necesidades de maior e máis habitual limpeza nos colexios, nos espazos de titularidade ou de xestión municipal, necesidades de equipos de protección individual para os traballadores e traballadoras, necesidades de máis persoal ou incremento de horas para prestar acaidamente algúns servizos (comedores escolares, por exemplo), e moitas outras obrigas”. A isto engádense, subliñou, “as convocatorias de axudas para os sectores afectados máis directamente polas condicións impostas para conter a expansión do virus: confinamentos, peches, reducción de aforos e de horarios, etc., sempre con diálogo cos sectores afectados e sempre coa conciencia de que por moito que fagamos será insuficente e nos deixará insatisfeitos dada a magnitude do dano causado.
Respecto ás manifestacións da oposición, reiterou a vontade de diálogo do goberno municipal. “A mostra da nosa vontade de diálogo é a aprobación de dous orzamentos en 19 meses con distintas forzas políticas, e queremos aprobar 3 en 20 meses. Agradecemos aos grupos municipais a actitude que facilitou a súa aprobación”.
Tamén respondeu, igual que faría posteriormente o alcalde na súa intervención final, a situación actual en materia de contratación. Sinalou que o obxectivo deste goberno é que todos os servizos queden regularizados ao longo de 2021 e 2022. E destacou que en materia de contratación, “este goberno licitou ou adxudicou, dende xuño de 2019, ao redor de máis de 50 contratos por un valor total estimado en máis de 35 millóns de euros”.
Guinarte tamén repasou a situación de importantes contratos, como o de parques e xardíns, licitado e en proceso final de adxudicación; o de limpeza viaria e recollida de lixo, en proceso de licitación, igual que o de transporte; ou o de Smartiago, con máis do 60% executado, e o resto en proceso de licitación”. O voceiro do Grupo Municipal Socialista foi claro: “defendemos o noso traballo, e facémolo con convicción e con datos da acción de goberno”.
Intervención final do alcalde
O alcalde comezou a súa segunda intervención cun recoñecemento á cidadanía polo comportamento responsable durante a pandemia; e amosando a solidariedade con todas as persoas afectadas pola COVID19. Tamén reiterou o seu “agradecemento e recoñecemento ás formacións políticas”, e o respecto as formas, “as formas son importantes. E isto é unha boa corporación”, sinalou.
Sánchez Bugallo recoñeceu o papel e labor da oposición pero, puntualizou, “o goberno ten responsabilidade de gobernar, e a oposición de fiscalizar a acción de goberno, e debe actuar responsablemente. Teño que respectar a súa actuación, e cando se fai en termos correctos recoñézoo” para a continuación engadir que se sinte “moi orgulloso do goberno municipal e de todos os grupos da Corporación”. “A oposición sabe o que está pasando, pero cumple a súa misión” reivindicativa continuou.
O rexedor volveu reivindicaro o labor desenvolvido durante a pandemia: 23.000 persoas atendidas polo departamento de Servizos Sociais, miles de persoas que accederon aos bonos de alimentos e ás becas de comedor escolar; e 3.850.000 euros de axudas repartidas, con cargo aos orzamentos do concello. “Non temos acceso aos fondos europeos, como outras institucións. Saen dos nosos recursos ordinarios”, puntualizou. E recordou que xa están asinados os decretos das axudas convocadas en decembro para o sector cultural, a hostalería e o comercio; polo que o pago é inminente. “Nunca, na historia do concello se fixo unha convocatoria tan ampla, pagándoas en menos de dous meses”, lembrou.
Sobre os orzamentos, e en relación ás manifestacións da oposición, clarificou que “son obriga do goberno municipal” e que “consellos poden dar moitos, exemplos ningún”; e engadiu que xa “están dadas todas as explicacións do mundo sobre a demora” na súa presentación.
O rexedor realizou dúas reflexións. A primeira, que gran parte da crise ven derivada da ausencia de turismo, recoñecendo que o peche perimetral ten “consecuencias demoledoras para comercio e a hostalería”, sectores nos que hai miles de postos de traballo que dependen do turismo. Cómpre, engadiu, redefinir o modelo turístico, “pero non debemos prescindir dun sector que aporta 600 millóns de euros cada ano ao PIB de Santiago”.
Tamén, en resposta á intervención da portavoz de Compostela Aberta, Marta Lois, recordou que “este concello obtivo moitísimos froitos da coperación instituciónal. O conflito institucional nunca resolveu ningún problema”. Tamén lle respondeu que “cremos que é importante partir do que hai, polo que nós tratamos de construir sobre o construido.”
Xa dirixindose á voceira do BNG, Goretti Sanmartín, recordoulle que segundo a actual lexislación, o pleno lexisla e o goberno, goberna. “ Percibimos na súa atitude un intento de maniatar ao goberno e gobernar desde o pleno, e iso é antidemocrático. Democracia é que cada órgano desempeñe a misión que ten”.
Sánchez Bugallo tamén tivo palabras para o voceiro do PP, Alejandro Sánchez Brunete; instándoo a ir “aos temas que nos interesan”. Recora súa habilidade no xénero literario, moléstame un pouco cando se mete tanto comigo. Temos que ir aos temas que nos interesan. Lembroulle o alcalde que o Periodo Medio de Pago estaba, en novembro (o último dato facilitado) a 27 días, e que o Plan de Contratación, presentado en xullu, supuxo “un esforzo de racionalización e clarificación. Ningúen ten máis presa ca nós e ca min en sacar eses temas adiante”, para a continuación enumerar como se atopan os contratos que están actualmente en proceso de licitación. .
O rexedor finalizou a súa intervención destacando que “a cidadanía está ben representada”pola actual corporación, polos grupos, cun “elevado nivel intelectual e de calidade humana”. Tamén é certo, engadiu, “que vivimos un escenario terrible”. O alcalde asegurou que “lle doi Santiago. Dicíao daquela (durante a campaña), e dígoo agora, ao ver as rúas baleiras, o comercio pechado… Como lle pasa a calquera que quere a esta cidade”. Pero tamén, continuou, “me sinto moi orgulloso de estar aquí, e poder servir a toda a cidadanía de Santiago, nun escenario tan comprometido e tan complicado como este”.
Cada un de nós”, continuou, temos que cumprir o noso papel, vostedes como oposición e nós como goberno. E eu estou convencido que, se cada un de nós, pomos por riba de calquera sigla partidista o interese xeral da cidade, actuando con xenerosidade, imos servir moi ben a Santiago”.
A cidadanía, xa cansada polas pandemia e as súas consecuencias, envioulle unha mensaxe de ánimo: “poden crerme, Santiago sairá moito máis forte”. “Nós imos axudar, en todo o que poidamos, ao límite das nosas posibilidades. Iso é así. Esta cidade ten capacidade para superar esta crise. A clave no fondo é moi sinxela. Todos nós entendemos que todos representamos a todos os que non están aquí, independentemente de que nos votaran ou non. Representámolos a todos, temos a obriga de defendelos a todos, e temos a obriga de servilos a todos, o mellor que poidamos.
Enlace: Pleno de debate sobre o estado do municipio
Formato pdf. Discurso alcalde de Santiago
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela