Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, confirmou hoxe que xa está practicamente pechado o borrador de orzamentos municipais, “aínda que con matices que é necesario avaliar”. A previsión é, tal e como adiantou a semana pasada o rexedor, presentalos aos grupos da oposición na segunda quincena de xaneiro.
Sánchez Bugallo realizou estas declaracións na rolda de prensa de información da Xunta de Goberno Local, na que tamén deu conta dos casos activos de COVID en Santiago. Son 346, unha tendencia que cualifica de “preocupante”. Agarda que haxa unha melloría a partir da segunda quincena deste mes, pero, aínda así, cre que o “primeiro trimestre” deste ano, “vai ser moi duro”.
Para Sánchez Bugallo, a mobilidade “está directamente relacionada” coa velocidade de transmisión na cidade. Volve incidir en que as reunións familiares e sociais son “o principal foco”, e que a hostalaría só rexistra unha porcentaxe moi pequena de contaxios. Neste sentido, amosou a súa comprensión cara a situación que atravesa tanto este sector, como o comercio, con medidas, sinalou, que fan “moi difícil” a súa viabilidade. “É mortal de necesidade” para o comercio compostelán, máis aló do impacto sobre hoteis e axencias de viaxes”, engadiu.
Neste momento, a incidencia acumulada en Santiago a 14 días, é de 308 casos. Cifras eleveadas, cunha evolución a alza que, explica o rexedor, se atopan por enriba da medida galega; motivo polo cal Sánchez Bugallo pide de novo a cidadanía, moita prudencia.
Sobre as medidas adoptadas, volve sinalar que “compre pechar filas e respectar”, apoiar, colaborar e cumplir coas decisións adoptadas polo Comité Clínico e polas autoridades competentes. Desde o comezo da pandemia, o concello de Santiago tramitou, segundo informou o alcalde, máis de mil denuncias por infraccións relacionadas coa covid. A maioría por festas en pisos e por non levar máscara; pero tamén se contabilizaron denuncias por incumprimento do toque de queda, e por non respectar o límite perimetral, entre outras cuestións.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela