Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O alcalde acordou onte tamén coa Asociación de Dano Cerebral de Compostela estudar un novo sistema que permita anticipar a tarxeta de aparcamento ás persoas que teñen que agardar pola valoración da Xunta de Galicia do seu grao de discapacidade
Santiago de Compostela, 3 de maio de 2023. Pendente do reparto de remanentes que se someterá a votación plenaria da Corporación o próximo 10 de maio, a reurbanización da rúa Mallou sairá a licitación “de xeito inmediato” unha vez se formalicen as expropiacións necesarias para acometer as obras. Así o explicou o alcalde nun encontro coa veciñanza, confiando en que “os veciños, en colaboración co concello, faciliten os terreos necesarios para executar a reforma integral”. Tamén o presidente da asociación de veciños Casa Agraria, Juan Granja amosouse optimista á hora de conseguir desbloquear un proxecto estratéxico para o barrio.
“Será unha remodelación de referencia nunha vía moi significativa para o barrio” recalcou Sánchez Bugallo. Con unha inversión de 1.632.000 euros, a proposta contempla a reurbanización de toda a rúa, creación dun carril bici, ampliación de beirarrúas e renovación das canalizacións de auga e abastecemento. Non será a única actuación que se acometerá no barrio nos próximos meses, tamén agora mesmo traballa o goberno de Bugallo nun proxecto para a rehabilitación do firme e mellora da accesibilidade na rúa Camiño dos Vilares cunha inversión que ronda os 100 mil euros.
Ademais, actualmente están en licitación dúas actuacións de asfaltado na rúa Mallou de Abaixo e na rúa dos Forniños, onde tamén se renovarán as canalizacións de saneamento.
Transformar o norte de Santiago
O alcalde destacou que estas actuacións supoñen un salto na “calidade de vida para a veciñanza de Meixonfrío, impulsando unha mobilidade máis amable” a través do calmado do tráfico.
Neste sentido, Sánchez Bugallo fixo balance das actuacións realizadas no barrio e que “melloraron a conectividade de Meixonfrío co centro urbano” como a rexeneración da Avenida de Asturas na que se investiu máis de medio millón de euros. Tamén se interviu no firme da rúa do Corgo, ampliouse a rede de abastecemento en Nogueira de Mallou e renováronse as beirarrúas do polígono do Tambre.
Facilitar o acceso á tarxeta de aparcadoiro ás persoas coa valoración de discapacidade pendente
Con tempos de espera de 1 ano de media para conseguir a valoración de discapacidade da Xunta de Galicia, o goberno de Bugallo traballa nunha proposta para habilitar ás persoas con algún tipo de discapacidade unha tarxeta de aparcadoiro provisional.
Foi un dos acordos aos que chegou o alcalde nun encontro coa Asociación de Dano Cerebral de Compostela. Tamén se reforzará o control sobre o uso indevido e abusivo das tarxetas por parte de persoas alleas “que redunda en prexuízo para aquelas que realmente o precisan”.
Ademais, en materia de accesibilidade, habilitarase unha rampla na saída de emerxencia do equipamento no que actualmente se atopan.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela