Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O Pleno do concello de Santiago, reunido en sesión extraordinaria, deu luz verde o expediente de crédito para a adquisición do 31% do capital de UNINOVA, e o convenio de xestión e explotación da nova estación de autobuses, cuxa data de entrega ao concello está fixada, en principio, para o 15 de marzo. Dous puntos, os aprobados na sesión plenaria, que segundo avanzou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, “van ser moi importantes no presente e no futuro” de Santiago.
O segundo punto da orde do día, o convenio entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, o Concello de Santiago de Compostela, e a Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano de Santiago, SA (TUSSA) para a ordenación da xestión da explotación da estación de autobuses de Santiago de Compostela; saiu adiante cos votos a favor dos Grupo Socialista, o Grupo Popular e Compostela Aberta e a abstención do BNG. Segundo adiantou Sánchez Bugallo, “a data que nos comunican para o remate das obras e entrega da estación, sería do 15 de marzo” . Hai de prazo ata esa data, lembrou, para asinar o convenio coa Consellería de Infraestruturas e “polo tanto, formalizar a toma de control por parte do concello dese espazo”; realizar, formalmente, a encarga de xestión a TUSSA; e a continuación, comezar co traslado de persoal, mobililario, equipos informáticos, etc. Un proceso que calcula, durara entre mes e medio e dous meses. Espera que a estación de autobuses, se os prazos se cumpren, estea operativa na primeira quincena de maio.
Un convenio que explicou, no pleno o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños. O obxecto do texto aprobado é “ordenar as relacións de carácter patrimonial entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Santiago de Compostela para garantir a xestión da explotación da estación de autobuses de Santiago de Compostela, a través da materialización das seguintes actuacións:
O Concello de Santiago pasaría así a xestionar a explotación da estación de autobuses de Santiago de Compostela, por un prazo de 25 anos, que se comezará a computar desde a data de subscrición da acta de posta en servizo da estación de autobuses.
Segundo o convenio, a efectos de velar polo cumprimento das obrigas contraídas por cada unha das partes interviñentes e coordinar a finalización da prestación do servizo publico e o peche da actual estación de autobuses así como o inicio da explotación da nova estación, crease unha Comisión de Seguimento paritaria composta por un representante da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e un representante do Concello de Santiago de Compostela. Entre outras funcións, levará a cabo o seguimento da posta en servizo e inicio da actividade da nova estación de autobuses integrada na estación intermodal; e resolverá os problemas que se poidan suscitar na interpretación do convenio.
O alcalde recoñeceu que “foi unha negociación complexa”, pero que “ao final é unha boa negociación que finaliza nun resultado razoable”. Recordou que Santiago é a única cidade onde a xestión é municipal. Explicou que había dous requisitos básicos que se puxeron enriba da mesa: que a concesión tiña que ser por 25 anos, ata o ano 2046, “ e iso condicionou que tivera que ser demanial, xa que ser fora de sevizos o proazo tiña que ser de 8 anos”. O segundo tema era a garantía do equilibrio económico da explotación. O que se propuña, indicou “ era unha revisión cada cinco anos, pero o primeiro ano, pensamos, había que facer unha primeira revisión e despois estabilizalo en 5 anos”. Tamén se revisou outra cláusula, subliñou, na que “parecía que TUSSA ía ter a concesión directa da Xunta e entendiamos que tiña que ser o concello”.
Un dos “cabalos de batalla”, segundo explicou Sánchez Bugallo, foi a “pasarela”. Destacou a negativa da Xunta a asumir a pasarela “en base ao contido do convenio asinado en 2016, que establece que o concello se convirte en titular e responsable da conservacion e mantemento da pasarela. O final temos que cumprir o que está asinado e pactado nese convenio”, engadiu, aínda que afirmou “que nos gustaría revisalo e buscarlle algunha solución”.
Ante a prensa tamén explicou a complexidade da negociación, debido, sinalou, “a que Santiago é o único lugar, desde 1971, no que o concello xestiona a estación de autobuses”. Recorda que esa estación é a que move máis viaxeiros de Galicia, igual que a actual estación de tren e o aeroporto. Era delicado, explicou, porque normalmente son concesións autonómicas por un prazo de 4 anos prorrogables por outros catro.
No caso de Santiago, explicou, o rexedor, partimos dunha estación que o concello xestiona desde hai 50 anos, e que non emplazamento anterior quedaban 25 anos de xestión”. Este sistema, aclarou, “era posible pola lexislación vixente naquel momento, pero non é posible coa lexislación actual”. Isto obrigou, segundo explicou o alcalde, a unha concesión demanial, no que a concesión é do dominio dese espazo. Sánchez Bugallo continuou sinalando que “tamén houbo que buscar fórmulas para intentar asegurar o equilibrio económico dunha estación que é difícil saber, a priori, cales van ser os seus custes reais antes da súa posta en funcionamento”.
UNINOVA
O pleno tamén aprobou, por unanimidade, é dicir, cos votos a favor de todos os grupos da Corporación Municipal, o expediente de crédito extraordinario número 2021-CREXT-01 de 57.198 euros, co obxectivo de dar cobertura de crédito adecuado e suficiente para atender á adquisición do 31% do capital social da empresa (Sociedade para a Promoción de Iniciativas Empresariais Innovadoras, S.L (Uninova), da cal o Concello é socio, xunto coa Universidade de Santiago de Compostela.
O concello de Santiago, que actualmente ten o 49% desa sociedade, pasaría a ter o 80%. Segundo explicou o alcalde UNINOVA quedaría como unha sociedade de capital 100% público, xa que o 20% restante estaría en mans da USC (Universidade de Santiago de Compostela). Era o punto terceiro do pleno que defende o alcalde de Santiago. Xosé Sánchez Bugallo explicou que “pasaría a configurarse como unha sociedade instrumental do concello de Santiago, como unha sociedade propia, co obxectivo de que o concello lle poida facer encomendas de xestión directamente, sen necesidade de concurso público, e coa finalidade de que lle poidamos transferir a parcela necesaria para a construción do centro de biotecnoloxía no Polígono da Sionlla”.
Isto, engadiu, “non se podería facer doutro xeito”, de aí a urxencia da aprobación. O rexedor indicou que “a subvención da 4 millóns de euros concedida pola Xunta de Galicia con cargo a Fondos europeos, para a construción do laboratorio ten unha data límite, que é o 22 de xuño de 2022. Nesa data o laboratorio debe estar construído e a obra certificada. Para que isto sexa posible, temos que dar moitos pasos”. Enumerounos: “constituír formalmente a sociedade na súa configuración actual; constituír a nova sociedade de xestión, na que participaría o concello e a unversidade a través de UNINOVA (sería o noso instrumento de participación cos operadores privados); transmitir esa parcela; licitar a construción dese centro; adxudicalo; realizar a obra, e certificala. Todo isto ten que estar finalizado o 22 de xuño do ano que ven”.
O alcalde explicou que a previsión inicial era que houbese ido ao pleno do 17 de decembro pasado, pero non foi posible; e por “iso o traemos a este pleno extraordinario e urxente”. Sánchez Bugallo considera que é un tema “fundamental” para a cidade, “e calquera día que poidamos gañar pode ser moi útil para cumprir os obxectivos e compromisos que temos”. O alcalde aclarou que “non foi un tempo perdido, porque en paralelo estase traballando por outro lado na definición do proxecto técnico que debe ser o que se utilice para a licitación”.
Na rolda de prensa posterior sinalou que esta adquisición persigue varios obxectivos: “tomariamos unha maioría accionarial do 80% e a nosa idea é convertir a UNINOVA nun medio propio, público. Isto permitiranos legalmente convertir a sociedade nunha fórmula xurídica que se denomina medio propio e permitirános transferirlle patrimonio e facerlle encargas de xestión” o que requirirá dunha modificación estatutaria”.
O obxectivo, sinalou o rexedor, e utilizar UNINOVA para prestar servizos captació, de asesoramente, de acompañamento e de apoio, a empresas intersdas en investir en Santiago, e trasladala desde o Campus Universitario aos novos laboratorios que se financiarán principalmente con fondos europeos. Estes laboratorios construiranse, aclarou, nunha parcela de 14.000 metros cadrados situada no polígono da Sionlla.
Uninova (Sociedade para a promoción de Iniciativas Empresariais Innovadoras, S.L.), impulsada polo Concello de Santiago de Compostela e a USC, que segundo subliñou o alcalde, naceu hai vinte anos co obxecto de “apostar polas novas tecnoloxías, pola captación de fondos europeos e polo emprendemento”. Neste momento ofrece asesoramento, aceleración e soporte á creación de iniciativas empresariais fortemente innovadoras. Xestiona ademais o Edificio Emprendia, con máis de 3.000 m2 de espazos de incubación dispoñibles para empresas altamente innovadoras e un ecosistema completo de apoio ao emprendemento.
O pleno rematou coa dación de conta da remisión ao Consello de Contas das contas da Fundación Eugenio Granell, correspondentes ao exercicio 2019, que, segundo sinalou o alcalde, obtiveron o visto bó.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela