Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, sinalou hoxe, nas Xornadas Municipalistas organizadas polo PSdeG, que “todos os alcaldes e alcaldesas respondemos a ese reto que tivemos coa pandemia. Volcámonos en atender a emerxencia, á xente con máis dificultades e aos sectores económicos que, nese momento, quedaban en colapso”.
O rexedor compostelá, durante a súa intervención na apetura das xornadas, celebradas no Hotel Monumento San Francisco, sinalou que o actual escenario é propicio para a “reactivación e recuperación paulatina cara á normalidade”. Pero, para Sánchez Bugallo cómpre reflexionar sobre o futuro que se desexa, xa que, afirma, a crise sanitaria, “acelerou os cambios”. Cambios como os propiciados pola dixitalización, dos que dixo, “é absolutamente inviable volver cara atrás”.
O alcalde tamén destacou os programas de apoio ao emprendemento e aos autónomos, desenvolvidos polo seu goberno, con axudas directas aos sectores máis castigados pola pandemia, omo o comercio, a hostalería e o sector cultural. E a atención a persoas “nunha situación máis fráxil”, como inmigrantes e traballadores en precario, entre outras.
Por outra banda, o rexedor referiuse “á oportunidade” que ofrece o Goberno central e a Unión Europea cos fondos ‘Next Generation’. A este respecto, o presidente da FEMP, Abel Caballeiro, afirmou que as negociacións sobre a súa repartición “van ben” e que hai “cantidades moi importantes” de diñeiro que se recibirán “moi pronto”.
Antes do alcalde de Santiago interveu o Secretario xeral do PSdeG. Gonzalo Caballero reivindicou o municipalismo galego fronte aos “niveis inauditos” de “indiferenza” e “desagravio” da Xunta de Galicia cara aos concellos no reparto de fondos. En concreto, sinalou que son os alcaldes “os que resolven as cuestións que non fai a Xunta”. Ademais, acusou dun “paternalismo abusivo” ás dereitas durante este ano 2021 na súa interpretación da acción municipal, da que resaltou a “redución” das axudas aos concellos nestes dous últimos anos de pandemia. “Non se pode transferir as competencias propias da Xunta aos concellos sen darlles financiamento”, asegurou Gonzalo Caballero. Explicou que hai 1.100 millóns de euros extraordinarios nos orzamentos da Xunta para repartir e dos que os concellos non reciben “nada”; e acusounos de “facer caixa” coa actual crise.
Aparte de Sánchez Bugallo, Gonzalo Caballero e Abel Caballero, na apertura das xornadas municipalistas participaron o presidente e a vicepresidenta da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela e María Barral, respectivamente; e a secretaria de Política Municipal do PSOE, Susana Sumelzo. A continuación tivo lugar unha mesa redonda sobre os retos do municipalismo galego.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela