2023 

Gonzalo Muíños, portavoz do PSdeG-PSOE

Nas eleccións municipais celebradas o 23 de maio de 2023, o PSdeG obtén 6 concelleiros fronte os 6 de BNG, 2 de CA e 11 do PP. Cumprindo o mandato das urnas, que deron un resultado dunha ampla maioría progresista, os socialistas facilitan a alcaldía ao Bloque.


2019 

Bugallo, de novo alcalde de Santiago

Nas eleccións municipais celebradas o 26 de maio de 2019, a lista encabezada por Xosé Sánchez Bugallo foi a máis votada do concello de Santiago. Obtivo 10 concelleiros, fronte aos 9 do PP, os 5 de Compostela Aberta e 2 do BNG; o que lle permitiu ao PSdeG volver gobernar a capital de Galicia.


2015

Paco Reyes, cabeza de lista polo PSdeG-PSOE

Nas eleccións municipais celebradas o 24 de maio de 2015, o PSdeG-PSOE acadou 4 concelleiros. Gobernou Compostela Aberta, que obtivo 10 concelleiros, o PP 9 e o BNG 2.


2011 

Bugallo, voceiro do PSdeG-PSOE

Nas eleccións municipais celebradas o 22 de maio de 2011, o PSdeG-PSOE acadou 9 concelleiros, o BNG 3 e o PP 13. Durante catro anos gobernou a cidade o PP. Polo Pazo de Raxoi pasaron tres alcaldes: Gerardo Conde Roa, Ángel Currás e Agustín Hernández.


2007 

Bugallo, reelexido alcalde

Nas eleccións do 27 de maio de 2007, o PSdeG-PSOE obtivo 10 concelleiros. Logo de que o Pleno da Corporación reelixise como alcalde a Xosé A. Sánchez Bugallo o 16 de xuño de 2007, o grupo municipal socialista e o BNG, que acadou catro concelleiros nestas eleccións, reeditaron un Acordo de Goberno para a lexislatura 2007-2011, que asinaron o 19 de xuño.


2003 

Os socialistas acadan a maioría

Nas municipais de 2003, o PSdeG-PSOE experimentou unha importante recuperación electoral que lle permitiu acadar 20.000 votos e sumar 11 concelleiros. A reedición do pacto de goberno co BNG confirmou novamente ao socialista Xosé A. Sánchez Bugallo na alcaldía compostelá. O PP obtivo 10 concelleiros e o BNG obtivo 4.


1999 

Sánchez Bugallo repite na alcaldía

Nas eleccións de 1999 o PSdeG-PSOE recibiu algo máis de 16.000 votos e logrou 9 dos 25 concelleiros que conforman a Corporación municipal. Sánchez Bugallo tomou posesión como alcalde de Compostela recibindo o apoio do BNG, que se integrou no goberno municipal con 5 concelleiros.


1995 

Goberno en minoría con maioría socialista

Malia a que nas eleccións locais celebradas en 1995 o PsdeG-PSOE superou os 22.000 votos e ficou con 12 concelleiros, non acadou a maioría absoluta. O PP obtivo 11 concelleiros e o BNG 2. Xerardo Estévez continuou como alcalde ao encabezar a lista máis votada e gobernou en solitario.

En xuño de 1998 o alcalde Xerardo Estévez anunciou a súa decisión de retirarse da vida política e a súa intención de non presentarse novamente ás eleccións municipais. A súa retirada fíxose efectiva o 19 de decembro de 1998, sendo substituído como alcalde de Compostela por Xosé A. Sánchez Bugallo.


1991 

Nova maioría absoluta socialista

Nas eleccións de maio de 1991 o PsdeG-PSOE volvía revalidar nas urnas a súa maioría absoluta e outra volta Xerardo Estévez colleu o bastón de mando da cidade. A Corporación municipal desde aquela integrará unicamente tres forzas políticas: o PSdeG-PSOE, o Partido Popular e mais o Bloque Nacionalista Galego. O PSdeG-PSOE con algo máis de 17.000 votos foi a opción electoral con maior apoio cidadán, obtendo 13 concelleiros fronte ós 11 do PP e 1 do BNG.


1987 

Maioría absoluta do PSdeG

A impopularidade da moción de censura e o traballo opositor desenvolvido polo PsdeG-PSOE aleitou un importantísimo avance electoral socialista na eleccións municipais de 1987. O PsdeG-PSOE acadou case 15.000 votos e 13 concelleiros na Corporación compostelá. Xerado Estévez retornou á alcaldía arroupado pola primeira maioría absoluta acadada polo PSdeG-PSOE.


1983 

Primeira alcadía socialista e moción de censura

Nas eleccións municipais de maio de 1983 o Partido Socialista hexemonizou o voto progresista dos composteláns, obtivo case que 10.000, triplicando os resultados de 1979, e sumou 10 concelleiros.

O PSdeG-PSOE formou goberno co apoio do Partido Liberal e o Partido Comunista de Galicia, e Xerardo Estévez Fernández, candidato socialista, tomou posesión como alcalde. Estévez ocupou a alcaldía até abril de 1986, momento en que foi deposto por unha moción de censura provocada pola ruptura do pacto por parte do Partido Liberal.

O novo goberno municipal constituíse o 5 de maio de 1986 e a alcaldía recaeu, grazas ao apoio do Partido Liberal e a UCD, en Ernesto Viéitez Cortizo, voceiro de Alianza Popular (AP) no concello compostelán. O Partido Socialista liderou desde aquela a oposición municipal.


1979 

Primeiras eleccións democráticas

As primeiras eleccións municipais democráticas celebráronse o 3 de abril de 1979. Os composteláns elixiron unha corporación local que reflectiu unha gran pluralidade e seis formacións políticas obtiveron representación no pazo de Raxoi: Unión de Centro Democrático, Unidade Galega, PSdeG-PSOE, Alianza Popular, Partido Comunista de Galicia e Bloque Nacional-Popular Galego. O Partido Socialista sumou nestes primeiros comicios algo máis de 3.000 votos e acadou 3 concelleiros.

A Corporación constituíuse o 20 de abril de 1979 e José Antonio Souto Paz, candidato da Unión de Centro Democrático (UCD), foi elixido alcalde co apoio de Alianza Popular. En setembro de 1981, Souto Paz presentou a súa demisión e foi substituído como alcalde por Marcial Castro Guerra, concelleiro da UCD.

PARTICIPA