Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, informou, en rolda de prensa, da publicación, hoxe, da convocatoria de axudas ao comercio, ás que se sumarán o luns as destinadas ao sector hostaleiro, e dentro duns días, as de cultura. Forman parte do Plan de Reactivación Económica e Social de Santiago (PRESS), e xa é a terceira convocatoria de axudas desde que comezou a pandemia, e a primeira deste ano 2021. Son 5,2 millóns de euros, dos que recordou, un millón é aportado pola Deputación da Coruña, e o resto, 4,2 millóns, o 80% do total, polo Concello con cargo aos seus orzamentos.
O rexedor sinalou que “nos sentimos orgullosos de sacar unha convocatoria de axudas”, tan importante, “a máis ambiciosa que coñezo en Galicia e probablemente tamén en España, tanto en relación coa poboación do noso concello, como en relación ao orzamento municipal”. “Creo”, continuou, “que iso pon en evidencia o compromiso do concello de Santiago cos sectores económicos máis directamente afectados pola crise. E tamén pon en valor o esforzo que estamos a facer” desde o goberno municipal.
Hoxe publícanse no BOP as axudas para o comercio, e mañá ábrese o prazo de solicitude. Contan cun orzamento de 1.904.000 euros e subvencións que oscilan entre os 2.500 e 5.500 euros por establecemento comercial. Toda a información pode consultarse neste enlace
Está previsto que o luns se publiquen as axudas á hostalería, restauración, ocio nocturno e outros negocios relacionados co sector turístico, como as axencias de viaxes e os guías turísticos. Contan cun orzamentos de 1.747.105; aos que se unirán outros 604.992 destinados a axudas ao sector cultural. Ademais, están orzamentandos outros 150.000 euros para os bonos de aparcamento; 600.000 para o bono-compra, que se fará efectivo a partir do 1 de setembro por petición expresa das asociacións; e 200.000 para actividades de promoción comercial.
Fin do estado de alarma
Sánchez Bugallo, que se vacina hoxe, tamén se referiu ao fin do estado de alarma que conlevará un alivio das restricións anticovid. Subliñou que a recuperación da mobilidade e a relaxación de horarios “vai ser enormemente positiva” para os sectores hostaleiro e turístico. Pero engadiu, tamén suporá “retos moi importantes”, xa que “estamos nun escenario complexo”.
O alcalde explicou que o Estado de Alarma daba unha cobertura legal as restricións, e que a partir de agora, ábrese un proceso de “incerteza” que ve “con preocupación”. Por esta razón fai un chamamento á responsabilidade da poboación. “Espero que todos sexamos conscientes do noso comportamento”, sinalou.
Ante o fin do estado de alarma, anunciado para o 9 de maio, Santiago parte, explico o alcalde, dunha situación boa, cunha incidencia da contorna de 41 casos positivos por cen mil habitantes a 14 días; cando a media española supera os 200 e a galega está ao redor dos 100. Pero, engade, a porcentaxe de poboación vacinada, un 70%, “segue sendo moi baixa”. “Imos ver cal é a evolución a partir de agora. Evidentemente, vai haber mobilidade, van vir persoas de Madrid, van vir persoas de Portugal e doutras comunidades e iso vainos a requirir que manteñamos un nivel de coidado e de responsabilidade importantes”, engadiu.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela