Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 7 de maio de 2023. Unha ampliación do polideportivo do Castiñeiriño para dar servizo ao deporte de base. Foi unha das cuestións suscitadas no encontro que mantivo o alcalde e representantes das entidades deportivas da cidade: “debemos incrementar os esforzos na recuperación e rehabilitación de espazos deportivos, pensando nos deportistas profesionais pero tamén na nova canteira, no deporte de base”.
Neste sentido o alcalde, que estivo acompañado por Toño Bermúdez, número 9 da candidatura, e outros compañeiros e compañeiras do goberno local e da lista, explicou que nos próximos días estudarían esta ampliación dun espazo que “se quedou pequeno” ante “unha canteira deportiva que non deixa de medrar” e esixe “que a administración pública estea á altura do que o deporte da nosa cidade precisa”.
Sobre os horarios de uso dos actuais espazos, o alcalde amosouse receptivo á hora de abordar algunha modificación, sobre todo, tentando que os pavillóns dos CEIP se poidan usar cando estean libres, aínda en horario de ANPAs. Tamén para empregar os dos institutos nas tardes que estean libres.
2 millóns de euros para o mantemento das instalacións deportivas
O alcalde que destacou ademais as melloras nos últimos anos nas infraestruturas deportivas como a nova cuberta telescópica para a piscina de Sar, que supuxo ademais un aforro enerxético e a instalación de saunas e baños turcos; ou a renovación da pista de Atletismo da USC.
“Durante estes catro anos rehabilitamos os campos de fútbol de Cancelas, do Sergas ou as pistas de pádel de Sar, melloramos a iluminación nos campos de Villestro e Belvís; e acometemos obras imprescindibles no estadio Verónica Boquete co saneado das torres de iluminación” explicou o alcalde.
Sánchez Bugallo explicou durante o encontro cos clubs deportivos que o estado no que se atopaban moitas das infraestruturas foi consecuencia de anos sen mantemento: “nós apostamos por rehabilitar esas infraestruturas, é certo que queda moito por facer porque a lista de tarefas pendentes é moi grande, pero melloráronse moitas das instalacións e a folla de ruta é seguir facéndoo en diálogo cos clubs e entidades que usan esas instalacións”.
Santa Marta operativo no 2025 e a rehabilitación do pavillón de Vite en licitación
O novo complexo deportivo de Santa Marta estará operativo en 2025 e terá capacidade para 5.000 usuarios. Así llo expuxo o alcalde aos representantes dos clubs deportivos no encontro celebrado esta semana. Ubicado na parcela situada entre as rúas Trece Rosas e Maruxa Mallo, terá unha superficie de 4.400 metros cadrados nos que se ubicarán 5 salas de actividade, 3 piscinas e 4 pistas de pádel. Unha actuación que suporá un investimento de 7,6 millóns de euros.
1,3 millóns custará a rehabilitación do pavillón municipal de Vite atópase actualmente en licitación. O proxecto contempla a renovación da cuberta, mellorando a eficiencia enerxética do edificio, así como actuacións de accesibilidade.
Sánchez Bugallo explicou ademais que se está a traballar para poder acometer canto antes a obra de mellora das instalacións do polideportivo de Santa Isabel. Serán dous millóns de euros os que se destinarán a unha obra que contempla accións de mellora da habitabilidade e seguridade, incorporando ademais a renovación das beirarrúas da contorna e a instalación de placas solares.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela