Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O Pleno do mes de xuño, adiado por varios casos de covid entre os concelleiros, continuou hoxe, presidido polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. Nel aprobouse, case por unanimidade, unha moción de urxencia para modificar o proxecto do Orbitaliño, e que contemple as mellores solucións para a veciñanza e os sectores económicos afectados pola infraestrutura.
A emenda transaccionada do Grupo Socialista e do BNG, foi aprobada cos votos a favor de todos os grupos da Corporación Municipal, a excepción do punto 3, no que Compostela Aberta se abstivo. Defendeuna o alcalde. Sánchez Bugallo indicou que “queremos que o Orbitaliño se incorpore nos orzamentos de 2023 e que a solución que se plantexa sexa viable para 20 ou 25 anos. Temos que resolver o problema do encaixe de saída dos polígonos que están sen desenvolver e a contectividade da Sionlla de Abaixo e dar acceso aos comercios do lado dereito”.
O alcalde recordou que por esa zona pasan 17.000 vehículos ó día, e que a normativa prohibe rotondas a partir de 5.000 vehículos polo que a opción sería realizar a conexión a distinto nivel. En calqueira caso deixou claro que “presentamos alegacions, volverémolas presentar”, e que xa se está, desde o Goberno Muncipal, asesorando á veciñanza.
Os acordos aprobados, contidos nesa emenda transaccionada son os seguintes:
Proposicións
Imaxe do pleno
O Grupo Socialista abstívose na proposición para incluir na programación das Festas do Apóstolo música ao vivo de artistas e empresas locais. O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, pediulle á oposición que faga balance das celebracións cando rematen, a partir do 1 de agosto. Considera que as críticas, antes de ver os espectáculos e actividades programados, son “unha falta de respecto para o persoal que traballa nas festas, e para os grupos que van actuar. Todos reunen a calidade suficiente para participar nas festas, tanto os locais, como os nacionais e internacionais”, sinalou.
Fronte as críticas de Compostela Aberta, sobre suposta mala programación nas Festas da Ascensión, Gonzalo Muíños recordoulle que “foron un autentico éxito e así o corroboraron os medios de comunicación”, nos seus titulares.
Lembrou que hai 11 días de festas, e que tamén se programaron actividades nos distintos barrios, entre os que citou Galeras, o Castiñeiriño ou o Restollal. Tamén recordou que os Fogos do Apóstolo, tal e como implantou o actual equipo de goberno durante a pandemia, bótanse desde distintos puntos da cidade, “para ser admirados por toda a veciñanza”.
As proposicións 2, sobre a contratación da continuidade das obras de mellora de equipamentos deportivos e sociais en Figueiras; e a número 5, para realizar obras pendenetes comprometidas coa veciñanza desta parroquia, debatéronse de xeito conxunto.
O concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, defendeu a abstención do Grupo Municipal Socialista. En relación as actuacións de mellora de equipamentos deportivos, financiadas pola Deputación da Coruña, explicou que se lle resolveu o contrato á empresa, á que se lle certificaron traballos por 71.755 euros, quedando máis de 183.000 euros de remanente. Unha vez descontadas as certificacións, informou, “requírse un novo proxecto construtivo que permita a finalización das obras, ás que se destinaría un novo investimento aproximado de 355.000 euros. Tendo en conta o que quedou de remanente, estase tramitando un novo modificado de crédito por 172.397 euros para rematar as obras.
Sobre as obras do proxecto de iluminación de Figueiras, adxudicouse hoxe en Xunta de Goberno á empresa “Montaxes eléctricas Noroeste SL”, por un importe de 47.617,13 euros, IVE engadido. Polo que resepcta ao vial que vai de Brandía aata Marmancou, José Manuel Pichel, explicou que se está “estudando o reasfaltado” para maior seguridade. “Xa foi encargada unha memoria para posteriormente encarar o proxecto e scar adiante esta mellora necesaria”, engadiu.
Na proposición sobre a “gobernanza do turismo impulsando unha reflexión colectiva sobre esta actividade e a necesidades de medidas para combater o turismo sen control, o Grupo Municipal Socialista abstívose. O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, recoñeceu que os datos do aeroporto son bós, igual que as cifras de turismo de congresos. “Podemos falar da necesidade de control por exceso de turismo, subliñou, “pero todos os intervintes coñecen que ese é un problema complexo, onde a responsabilidade é compartida: das administracións públicas e dos operadores privados. Disminuir repentinamente o número de turistas que aflúen a un destino turístico ten consecuencias económicas graves”. Guinarte recoñeceu que é posible tomar medidas para controlar “o posible exceso” de visitantes en determinadas épocas.
Medidas, continuou, que xa se están tomando, como a regulación dos aloxamentos turísticos, coa modificacion do PXOM; ou a aposta pola desestacionalización: “por iso non facemos marketing turístico indiscriminado, facémolo buscado desestacionalizar”.
Sindo Guinarte recoñeceu que existe un problema a nivel de comercio local, que se está substituindo por comercio de “souvenirs”. “Veñen existindo”, subliñou, desde o ano 93, dase en moitas cidades e non é facil de resolver. “O concello pode limitar os usos, pero non determinar a actividade comercial. Vai en contra das normas de libre competencia. Seguramente se pode facer algo, e por iso queremos facer esa análise. Pero posiblemente terán que ser medidas positivas. Outra cousa é querere decretar algo que non se pode decretar. Non é unha posición razonable”, engadiu.
Na segunda quenda, respondeu á oposición. “Un relato baseado en datos é outra cousa. Falan vostedes de turismo sen control. Levamos un montón de anos sen turismo de control. Temos moita menos presión no espazo público da que ten habido nos anos 2019 ou 2018”, sinalou.
Respecto dos pisos turísticos, “estamos a regulalos. Pedímoslle a Xunta que cumpla a súa propia normativa, que di que para autorizalos ten que pasar o filtro municipal. Ven para quedarse, pero ten que someterse á regulación que se estableza. Estamos para regular esa actividade”, engadiu. Por último, o concelleiro pediule a Compostela Aberta que “non alimente o discurso da turismofobia. É unha irresponsabilidade. Temos que traballar para regular os fluxos turisticos, pero non para incrementar a turismofobia”.
A continuación interveu o alcalde. Recordou que se trata da primeira actividade económica da cidade, e que representa máis do 20% do PIB, “con 800 millóns de euros anuais para Santiago en miles de empregos”.
Na última proposición, de convocatoria dun certame anual de pintura rápida, o Grupo Socialista tamén se abstivo. A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, sinalou que “neste mandanto non está previsto un concurso destas características. Por diversas razóns. As máis importantes, porque se trata dun certame; e polo tanto tería que contar co orzamento nas partidas de capítulo 4. E porque desde o departamento xa se organizan distintas accións de pintura rápida, aínda que con outros formatos”.
Citou, en concreto, a organizada con motivo do Banquete de Conxo para artistas locais que se espuxo na praza Aurelio Aguirre, centrada neste caso na figura de Rosalía de Castro; ou a cuarta edición do Delas Fest, que se celebrou entre o 6 e o 21 de xuño, organizado conxuntamente polos concellos de Santiago, Brión, Teo e Ames. “É o primeiro festival de arte urbana con perspectiva de xénero de Europa, un proxecto pioneiro nacido en 2019 co obxectivo de democratizar a expresión artística na rúa e contribuir a rematar con esas desigualdades materiais e simbólicas que sofren as mulleres que crean no espazo público. No marco deste festival desenvolvéronse catro intervencións artísticas, tres obradoiros de creación, e encontros de convivencia entre colectivos, asociacións, veciñanza e artistas”.
Rosón destacou, ademais, que a “atención ás artes plásticas desde a concellaría de Acción Cultural e desde o Concello de Santiago é continua con convocatorias frecuentes, como a de Compostela Ilustrada, a Mostra Internacional de Ilustración, ou o certame de novos creadores que o Auditorio de Galicia convoca regularmente”.
Comparecencias
A petición propia compareceron a concelleira de Economía e Contratación, Marta Abal; e o concelleiro de Educación Rubén Prol.
Marta Abal explicóulle á oposición para que sirve o plan de contratación. Informounos que o “I Plan de Contratación, era un documento de máximos, un plan ambicioso, como é o II plan de Contratación. Porque se hai algo que non pode nin debe facer un executivo municipal é poñerse auto – limitacións, se non que o que ten que facer é impulsar a xestión, poñendo os medios idóneos para tal fin, como por exemplo foi a creación do servizo de contratación no ano 2021 e o reforzamento do mesmo neste ano coa dotación de dúas prazas de técnicos de xestión.
A concelleira realizou un balance deste primeiro plan de contratación, presentado en 2020, destacando que se licitaron un total de 78 contratos dos 113 previstos, por un valor estimado de 163.484.035,26 euros. “En resumo, se atendemos ao número de contratos, a execución do Primeiro plan de contratación acada supera o 69% á data actual.
Efectivamente, non todos se licitaron no ano 2020, porque como lles dixen tamén o Plan de Contratación é unha previsión: non obriga que se licite no citado ano todos os contratos previstos no mesmo pero tampouco impide que se liciten contratos non previstos no mesmo; como así aconteceu no ano 2020 no que se licitaron 6 contratos non previstos no Primeiro Plan de Contratación”. Engadiu Marta Abal que no ano 2020 licitáronse un total de 50 contratos, cun valor estimado de 57.283.490,36 euros. No ano 2021, continuou, “se ben non houbo plan de contratación, foi o ano no que, polo menos dende o ano 2017 (dende o cal se fixeron comparativas) se licitaron o maior número de contratos; e o maior valor estimado da historia do concello de Santiago: un total de 68 contratos: un 36 % máis que no ano 2020, un 88,99% mais respecto do ano 2019, un 44,68 % mais respecto do ano 2018 e un 25,93% mais respecto do ano 2017. O valor estimado dos contratos licitados durante o ano 2021 ascendeu a 121.400.957,85 euros isto é un 111,93% mais que no ano 2020.
Na súa segunda quenda, Marta Abal recordoulle á oposición que dende o “9 de marzo de 2018 é obrigatorio que as administracións públicas aprobemos anualmente un plan de contratación. Pero en ningún momento do mandato de Compostela Aberta se aprobou un plan de contratación. Foi este goberno, un goberno socialista, quen, unha vez máis, liderou as políticas nesta materia, co primeiro plan de contratación do concello de Santiago”.
“Como xa viñemos manifestado”, continuou, “o obxectivo esencial en materia de contratación deste goberno, ademais de evidentemente licitar os contratos que sexan necesarias para á execución das obras e para a prestación dos servizos novos que sexan necesarios, é acabar a lexislatura con todos os contratos referidos a prestacións de tracto sucesivo licitados e adxudicados. Porque este, é un dos obxectivos do plan de contratación, avanzar na axeitada planificación nos servizos sen contrato e nas prestacións de tracto sucesivo e repetitivas”.
A concelleira lembrou aqueles contratos que estaban en precario cando comezou o mandato. En concreto, enumerou o “contrato da limpeza de instalacións municipais, en precario dende o ano 2016. Vostedes non o licitaron, nin tan sequera tiña pechado o expediente de contratación, cos preceptivos informes da asesoría xurídica e de intervención. Foi este goberno quen o licitou. Dúas veces, a primeira, con pouca fortuna, o contrato decaeu ante o tribunal de recursos contractuais. Licitouse novamente, por segunda vez neste mandato, o día 18 de maio do 2022 cun valor estimado de 8.039.771,52 euros. A esta segunda licitación, en fase de valoración de ofertas, presentáronse, nada máis e nada menos ca 17 empresas.
Tamén lembrou o contrato de mantemento de ascensores. “Este caso é bastante mais alarmante. Directamente non había contrato; bueno rectifico había un contrato do ano 2014, que caducou no ano 2018, e que solo tiña por obxecto o mantemetno de ascensores de CSC. Entendo que para vostedes, ao igual que para o partido popular (xa que o contrato era do ano 2014), hai ascensores de primeira e de segunda, xa que non tiñan contrato de mantemento dos ascensores do resto das instalacións municipais, entre outros, os ascensores dos centros de educación infantil e primaria. Na actualidade, o expediente de contratación relativo ao mantemento dos ascensores e salvaescaleiras dos edificios e locais municipais, están a piques de adxudicar, pendente de informe da intervención xeral, e inclúe todos, absolutamente todos os ascensores e salvaescaleiras responsabilidade do concello de Santiago”. Ou o contato de mantemento de extintores. “Directamente non había contrato. Supoño que durante a súa época no había extintores …. A día de hoxe existe un expediente de contratación iniciado, que está pendente de informe da asesoría xurídica. E o contrato de combustible. “Durante as lexislaturas do partido popular e de compostela aberta, en ningún momento se plantexou facer un contrato para este obxecto. Non sei se é porque os vehículos do parque móbil, por aquel entonces, funcionaban con aire … A día de hoxe o contrato de subministro de combustible e de pago de peaxes está formalizado dende o día 8 de xullo. E xa saben da trascendencia deste feito, tendo en conta o carácter de nulidade de pleno dereito que teñen as domiciliacións dos pagamentos desta tipoloxía de gastos, situación que vostedes non foron quen de rectificar”, sinalou Marta Abal.
Pero, continuou, “o plan de contratación, ademais de reorganizar e planificar, serve para comunicarlle a cidadanía, xunto co orzamento, cal é o destino directo de parte dos recursos públicos no curto e medio prazo, isto é, sen dúbida un marabilloso exercicio de transparencia. Tirando do vixente plan de contratación, e á marxe do contrato da auga, do transporte e do contarto de servizos enerxéticos, o plan de contratación permite transparentar qué se vai a facer en materia de turismo; en materia de parques e xardíns e medio ambiente; en materia de modernización trala culminación da primeira fase de implantación da solución da administración electrónica; que se vai facer en termos de administración xeral ou co que queda da EDUSI; que se vai a facer no servizo de extinción de incendios ou na policía local; que se vai facer en educación e en deporte; ou que obras hai previstas no ámbito rural e urbano.
Polo que respecta ao concelleiro de Educación, Rubén Prol, informou sobre o programa de conciliación. Destacou que o “Programa de conciliación de verán 2022”, que se vai desenvolver nos CEIPS Quiroga Palacios e Monte dos Postes, duplica en prazas ao último previo á pandemia. Son 960 prazas gratuitas, fronte ás 480 ofertadas no último ano antes da pandemia.
Estas 960 prazas forman parte do conxunto da oferta municipal de conciliación que sumándoas ás da Escola Municipal de Música (45), ás do espazo de lecer María Miramontes (438), ás das Escolas Infantís Municipais (60); e ás da rede de Centros Socioculturais (484). É a maior oferta de conciliación, destaca Rubén Prol, “que puxo en marcha o Concello de Santiago na súa historia”.
Son, en conxunto, máis de 2.000 prazas, segundo destacaba o concelleiro, nas que ademais, por primeira vez, as familias teñen a posibilidade de inscribirse no mes de agosto. Este mes está incluido tanto no programa de conciliación nos centros educativos como na Ludoteca municipal, que inaugura o seu primeiro ano cunha oferta de verán. Recorda Rubén Prol que tamén se aumentou “o alcance dos programas de centros socioculturais, dentro dos cales a atención á infancia e ás familias é unha aposta do goberno, tanto en conciliación de mañán como en actividades de tarde”
A oferta do “Programa de conciliación de verán 2022” (960 prazas) e a do espazo de lecer María Miramontes (438 prazas), son gratuitas, o que supón, segundo Rubén Prol, “unha aposta máis do concello por facer política social de conciliación e apoio ás familias”.
Na segunda quenda de intervención, Rubén Prol comparou esta oferta coa de outras cidades galegas, e afeoulle os grupos da oposición que “so buscan a demagoxia política”. Citou tamén a Antonio Costa, primeiro ministro portugués sinalando que os populistas aporveitanse dos problemas, e os gobernos recoñécenos e dalle solucións. E neste sentido, engadiu, o Partido Socialista demostra que está a ser un partido de goberno”.
Mocións
O Grupo Municipal Socialista votou a favor, xunto a BNG e Compostela Aberta da moción, na que interveu o concelleiro Rubén Prol, para que o pleno de Santiago instase ao correspondente órgano de Goberno “a realizar as actuacións pertinentes, mediando e solicitando á Xunta de Galicia, para conseguir un marco de estabilidade e apoio para as tres escolas rurais de Santiago de Compostela, que lles permita pervivir e medrar nun futuro próximo como modelo de educación válido e vixente para o desenvolvemento das nosas parroquias rurais”.
Na segunda moción, sobre a mellora da accesibilidade e a construción dun novo estacionamento no proxecto de ampliación do CHUS, o Hospital Clínico Universitario de Santiago, o Grupo Municipal Socialista abstívose.
Defendeuna o alcalde. Sánchez Bugallo acusou á oposición de demagoxia. Recordou que o concello xa construiu dous aparcamentos, con 700 prazas, na contorna do hospital, un de balde, o de Santa Marta, con 300 prazas; e o aparcamento subterraneo á carón do centro hospitalario con outras 400 prazas. Lembrou tamén que o convenio co Sergas non recolle este aparcamento, e que se lle vai ofrecer de novo a parcela que xa se lle ofreceu para que se constrúa ese aparcamento, como fixo a Xunta en Pontevedra e Coruña. O alcalde foi contundente: “colaboración si, pero cada un ten a súa competencia e a súa responsabilidade”.
O Grupo Socialista tamén se abstivo na moción sobre a situación e contratación de traballadores e traballadoras na liña 6 ao aeroporto. O concelleiro de Mobilidade, Gonzalo Muíños, sinalou que se están buscando solucións, pero aclara, o “control efectivo do persoal, a organización dos postos de traballo son competencia da operadora de servizo. Na segunda quenda interveu o alcalde. Sánchez Bugallo confirmou que se está intentando buscar unha solución para os traballadores da anterior liña, pero que non se pode botar ao actual persoal, para incorporar outros condutores.
Na moción para a sinatura dun convenio coa USC que contemple o uso por parte dos clubs de atletismo de Compostela da pista universitaria de atletismo; que tamén recoller a renovacion do convenio coa universidade para facilitar o uso do campo polideportivo do Campus Sur aos clubes de futbol e rugby da cidade, tanto para os adestramentos como para a competición oficial; e a licitación e execución da partida acordada para realizar as obras no estadio de Vero Boquete de San Lázaro (no que se está a traballar), o Grupo Municipal abstívose. Defendeuna a concelleira de Deportes, Esther Pedrosa. Respecto do primeiro punto, xa hai un acordo asinado. Tamén hai principio dacordo coa USC no segundo punto, quedando pendente a sinatura.
A moción para a mellora dos espazos públicos no Ensanche defendeuna o portavoz do Grupo Municipal Socialista, Sindo Guinarte. Sinalou que non comparte a diagnose da exposición de motivos, polo que o voto sería abstención.
O Grupo Socialista abstivose tamén na moción sobre o cumprimento do contrato da empresa concesionaria do servizo de recollida de residuos. A concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, lembrou que o periodo inicial do contrato rematou no 2015, ano que comezou o mandato de Compostela Aberta, “que puido, con antelación suficiente, licitar o contrato; e non o fixo”. Á oposicion preguntoulle: “A vosa preocupación polo bo estado das maquinas, chegoulles de súpeto? O mal estado dos colectores chegoulles agora de súpeto?. O control do servizo chégalles agora de susúpeto?”. E recórdalle, que cando o Partido Socialista chegou ao goberno, “botamos en falta ese control que reclaman agora”.
Mila Castro lembrou que desde o 21 de maio hai un novo contrato en fucionamento, que cumple coas normativas vixentes, que xa está levando a cabo a retirada dos contedores vellos e a sús substitución por novos; e que tamén contempla implementar novas zonas ou illas de contedores. “Un contrato”, continuou, “que se está a controlar desde a súa entrada en vigor por parte de dúas funcionarias e dunha empresa externa. Por parte deste Goberno xa se está facendo e así seguirá sendo; de xeito estrito, en todos os aspectos, incluido tamén o persoal”.
Na segunda quenda interveu o alcalde. Sánchez Bugallo volveuse referir aos actos vandálicos relacionados coa recollida de lixo, como a sabotaxe de sete camións, a queima de contedores, e ataques cara persoal da empresa “Está habendo unha presión brutal en todos os ámbitos”. Incluso, engadiu, “a veciñanza da zona rural está denunciando que alguén está volcando os contedores”.
Sánchez Bugallo foi contundente: “a inspección e supervisión do servizo é competencia municipal. Pero o que non queremos é que nos utilicen de comparsas”. Anunciou tamén que na reunión que se ven mantendo desde as catro da tarde, non hai avances. “Agardo que intenten pechar un acordo xusto para os traballadores, para a empresa e para a cidadanía de Santiago, pero a preocupación do alcalde ten que ser a preservación do servizo”.
Unanimidade na moción número sete, para impulsar a posta en macha dunha campaña participativa de prevención e promoción da saúde por barrios e parroquias, con informacións de interese sobre alimentación saudable, perda de peso corporal, lectura crítica de etiquetas dos produtos alimenticios e a adopción dun estilo de vida saudable, cunha especial atención á práctica do exercicio físico na contorna máis inmediato en funcións das necesidades de cada persoa. Esta moción será levada ao Consello Municipal de Saúde.
Polo que respecta a moción sobre o prazo legal para a implantacion da recollida de biorresiduos, o Grupo Socialista abstívose. A concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, confirmou que “temos xa establecida a recollida separada de residuo órganico”. Sobre as illas e composteiros, estase a desenvolver un traballo de asesoramento á veciñanza que os emrpegan. E sobre os contedores marróns, xa subministrados, vanse colocar en datas próximas.
Todos os grupos, agás os Populares, votaron en contra da moción presentada polo PP na que se propuña o goberno de España que adoptase medidas urxentes extraordinarias relacionadas co aforro e racionalización do gasto, que se inicie un paquete de reformas estruturais para incentivar a actividade económica, que se promovoa unha baixada de impostos selectiva, que se baixe de maneira temporal o IVE do gas e a electricidade, e que se dirixa á Xunta par aque continúe desenvolvendo as medidas previstas no Plan de Choque Autonómico. Sobre as primeiras, xa se están levando a cabo por parte do goberno de Pedro Sánchez e sobre o goberno autonómico, lembráronlle que acaban de anunciar a retirada das axudas da Tarxeta Básica. O Grupo Socialista tamén votou en contra da reprobación do concelleiro de Educación.
Emisión continuacion PLENO ORDINARIO 15.07.2022 (correspondente ao mes de xuño)
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela