Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O pleno do concello de Santiago, reunido en sesión extraordinaria, aprobou hoxe o proxecto de Orzamentos e o cadro de persoa para o ano 2022. Ascenden a 129.829.373,12 euros en ingresos e gastos, incrementándose un 3,85% respecto do orzamento do ano 2021; e sairon adiante cos votos a favor do Grupo Socialista, a abstención de Compostela Aberta e do BNG local; e o voto en contra dos edis do PP.
A concelleira de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local; Marta Abal, destacou que “estamos ante un orzamento ambicioso e sensato, á altura das necesidades da capital de Galicia, e que coma sempre para este goberno, pon en primeiro lugar ás persoas”.
Tanto o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, como Marta Abal, agredeceron a vontade de CA e de BNG de facilitar a apobación das contas, “logo dun diálogo que se plasmou no acordo asinado durante o mes de xaneiro”, indicou a concelleira. “Grazas a ambos grupos, xa que se ben é certo que o proxecto de orzamentos xa contiña importantes actuacións coincidentes coas propostas presentadas por ambos grupos, non é menos certo que as achegas feitas por eles contribuíron a enriquecer o proxecto inicial”.
Marta Abal destacou “a consolidación das políticas sociais, tralo forte incremento do gasto social durante o ano 2021”. Iniciativas como o Servizo Municipal de Urxencias Sociais, o programa de Becas comedor, material escolar e actividades extraescolares ou programa de gasto relativo á ordenanza de garantía básica; ás que se destina un presuposto de 1.172.000 euros.
En concreto, increméntase un 24,02% a partida do SAF, o Servizo de Axuda no Fogar, pasando de 2.967.273,29 euros a 3.680.048,80 euros. Aumenta tamén, no ámbito social, o crédito destinado aos programas relativos a muller, nun 54,66%; á mocidade, nun 15,08%; ou ao fomento do emprego, nun 34,88%.
“Pero tamén é o orzamento que aposta pola prestación de calidade dos servizos públicos básicos de competencia municipal”, subliñou a concelleira de Economía. Salientou, en concreto, “a aposta do equipo de goberno pola mellora das vías públicas dos nosos barrios, facéndoas mais seguras e accesibles”, cun investimento de 2.520.000 euros nas reurbanizacións das rúas García Lorca, Mallou, Pombal, Castrón Douro, Ruela das Salvadas e Meixonfrío. Tamén se contempla máis de medio millón de euros para a pavimentación de viarios na zonas Villestro, Laraño, Sabugueira, Verdía, Marantes, A Gracia, Marrozos, A Curuxeira e Aríns; un 1 millón de euros para obras de rehabilitación de firmes en vías rurais; e outro millón de euros, para obras de rehabilitación de firme de vías urbanas.
Por outra banda, duplícase o gasto para actuacións de saneamento, cun investimento previsto de 1.093.892,98 euros para as obras inmediatas de abastecemento e saneamento de auga, dos que case un 80%, (841.309,48 euros) se destinan ao rural. Tamén se incrementa, nun 36,36 % o crédito destinado ao contrato de mantemento con pavimentos asfálticos, pasando de 550.000 euros a 750.000 euros.
En materia de urbanismo, increméntase o crédito un 67,52%, o que permitirá, segundo explicou Marta Abal, distintas actuacións, entre elas “desenvolver o planeamento urbanístico do SUD 9/10, do SUD 5 e do Ensanche Norte, elaborar os estudos de detalle das rúas Bispo Teodomiro e Oviedo e constituír a Empresa Municipal de Vivenda e Solo, que terá como obxectivo principal a posta a disposición dos cidadáns de vivendas accesibles e de calidade”.
O crédito destinado ás políticas de vivenda triplícase, consignando 911.740,11 euros para a mellora da accesibilidade a edificios de uso residencial e 1.032.000 euros as axudas á rehabilitación de vivendas na zona residencial de Cardenal Quiroga e Grupo Compostela e na zona residencial de Vite.
Finalmente, no relativo á prestación de servizos públicos básicos de competencia municipal, a concelleira salientou “a aposta do goberno polo parque comarcal de bombeiros, consignando 520.000 euros para facer fronte á redacción do proxecto e á correspondente achega municipal do convenio interadministrativo”.
Polo que respecta ao crédito orzamentario destinado ao ámbito rural, ascende a 4.750.511,53 euros o que supón un incremento do 41,96% respecto o ano anterior. Marta Abal destacou que no gasto corrente, “que volve a ser financiado integramente con recursos municipais”, tamén houbo un incremento do 66,67% do crédito destinado á conservación e mantemento dos pavimentos e camiños rurais que pasa de 300.000 euros a 500.000 euros.
En canto ao capítulo de investimentos para o rural, incrementase nun 56,02% pasando de 2.438.336,35 euros a 3.804.378,14 euros, dos cales o 63,91% , isto é 2.431.551,43 euros, proceden da aportación directa municipal.
Este orzamento tamén é, segundo destacou a concelleira, o presuposto do comercio e desenvolvemento industrial. “A promoción do comercio e o desenvolvemento empresarial son esenciais para o futuro do noso concello e o goberno municipal sempre fai unha aposta decidida por elo”. Lembrou que o orzamento destinado as políticas de comercio increméntanse nun 85,83 %, “resultado da aposta polo fomento do consumo no comercio e na hostalería local, mediante o programa de Bonos Corazón que tan bos resultados deu durante o ano 2021 e mediante as actuacións de dinamización do comercio local”
Ao desenvolvemento industrial destínanse 1.379.502,89 euros, “o que permitirá culminar o plan de acción local Axenda Urbana de Santiago de Compostela e, da man de UNINOVA, continuar coas accións de promoción da innovación e transferencia de tecnoloxía no marco do acordo para a reindustrialización de Compostela”, segundo destacou a responsable de Economía e Facenda.
Marta Abal tamén destacou a importancia que a educación, a cultura e o deporte teñen no orzamento do 2022. “No ámbito da educación salientar o incremento dun 23,51% do crédito destinado as escolas infantís de xestión municipal pasando de 1.022.598,48 euros a 1.262.985 euros; o incremento dun 35,83% do crédito destinado ao servizo de comedores escolares, pasando de 1.044.850 euros a 1.419.173,76 euros; ou a dotación de 150.000 euros para facer fronte a diversas actuacións para a mellora de accesibilidade nos CEIPS sen prexuízo da competencia da Xunta de Galicia en materia de investimento”
A promoción cultural é outro dos eixos das políticas municipais. “Falamos dun incremento do 51,49% pasando de 834.515,85 euros a 1.264.207,36 euros. Continuamos coas axudas para o sector profesional da cultura, así como con toda a programación cultural e actividades que se levan consolidando estes anos”, resumiu a concelleira.
En canto ás políticas municipais da área de Deportes, experimentan un crecemento dun 34,78% pasando de 3.453.118,76 euros a 4.653.943,40 euros. “Este incremento deriva non solo da dotación para facer fronte as actuacións de mantemento das instalacións deportivas senón da dotación de 1.000.000 de euros para, entre outras actuacións a remodelación da pista de atletismo do estadio municipal Verónica Boquete en San Lázaro e para a o Pavillón Municipal de Pío XII”, explicou Marta Abal.
En materia de persoal, de reformas estruturais e de dixitalización e modernización, a concelleira destacou o cumprimento dos compromisos adquiridos coas organizacions sindicais, “incrementando a partida de carreira profesional (acadando un total de 1.045.000,00 euros), de tal xeito que con efectos do 1 de xaneiro de 2022, o persoal empregado municipal que reúna os requisitos poida percibir un terzo do Grao II da carreira profesional”. Tamén resalgou a dotación do crédito necesario para facer fronte ás reformas estruturais previstas na relación de postos de traballo, en fase de negociación coas organizacións sindicais. E no eido da modernización e dixitalización da Administración Local, “procederase á licitación e adxudicación da oficina de transformación dixital, faranse fronte a diversas necesidades de investimento que se requiran no marco do proceso de integración dixital (como por exemplo o proxecto destinado á ciberseguridade do noso concello) e, entendendo que o equipo humano do concello é o mais importante, apostamos por unha reforma estrutural do departamento, que sen dúbida contribuirán a reforzar unha área, que é vital para o funcionamento da organización municipal”, explicou Marta Abal.
A concelleira de Economía e Facenda definiu este orzamento que se acaba de aprobar como realista, “á altura das necesidades do Concello de Santiago”, negociado desde a transparencia. “En definitiva estamos diante dun orzamento que avanza no establecemento dunha base sólida para lograr a recuperación económica e social de Santiago, pensando na cidade que queremos no futuro, pero sen deixar atender as necesidades e urxencias do día a día da nosa cidadanía. Con estes orzamentos podemos dicir que Santiago avanza”, concluiu.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela