Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, confirmou que o luns entrarán en vigor os orzamentos de 2021, que superan os 125 millóns de euros; despois da súa publicación, hoxe, no BOP, o Boletín Oficial da Provincia da Coruña, e despois da súa aprobación definitiva, onte, polo pleno do concello de Santiago, no que tamén se deu luz verde ao remanente de 2020. Na rolda de prensa, tamén se referiu ao IMELGA. Indicou que está acreditada a súa seguridade e denunciou a “manipulación torticera“ que algúns, dixo, intentaron facer, xerando unha hipótese de perigo.
A publicación dos orzamentos e a aprobación da remanente permitirá, explicou o rexedor, “que este luns poidamos aprobar”, en Xunta de Goberno, “as convocatorias de axudas tanto de hostalería como de comercio”. Son, como recordou Sánchez Bugallo, 5.207.026 euros (4,2 millóns de euros en axudas directas) para apoiar “aos sectores económicos, catro veces máis do que de promedio están adicando os concellos” con cifras similares de orzamento e poboación. Reiterou que “é a maior convocatoria de axudas que se fixo na historia de Santiago, e penso que, a día de hoxe, a maior convocatoria das cidades galegas. Todas as asociacións expresaron o seu recoñecemento e satisfacción, e iso é importante” .
A comercio destinaránse, sinalou 1,9 millóns de euros en subvencións directas, cunhas contías de entre 2500 e 5.500 euros por solicitude; que poderían beneficiar, segundo Sánchez Bugallo a e máis de 500 establecementos comerciais. “Tivemos agora a renión coas asociacións de empresarios do comercio, na que houbo plena unanimidade en todo”.
Ao mesmo tempo, engadiu, vaise impulsar o programa de dinamización comercial, Prima 21, que terá lugar a primeira semana de xuño, “xoves, venres e sábado”. “Hoxe quedaron trazadas, as principais liñas” desta campaña de promoción do comercio, “con actividades na vía pública, con actuacións de todo tipo e cunha campaña publicitaria e de marketing”, subliñou o alcalde.
Prima 21 enmárcase no programa de actividades e promoción comercial deseñado polo concello, ao que está previsto destinar 200.000 euros. A esta cantidade súmanse os 600.000 euros previstos, este ano, para o bono-compra; e outros 150.000 para o bono de aparcamento.
En canto ás axudas directas a hostalería, superan os 1,7 millóns de euros. Cada unha das solicitudes podería optar a axudas que van desde os 2.500 aos 5.000 euros. Neste convocatoria tamén están incluidos, ademais das empresas de hostalería, outros sectores afíns, como axencias de viaxes, guías turísticos ou discotecas. Priorizaránse, igual que nas axudas de comercio, aquelas solicitudes que non obtiveron subvencións na anterior convocatoria. Explicouno o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, presente tamén na rolda de prensa, na que presentou o documento “Estratexias para a reactivación do turismo cultural e patrimonial do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España”.
Tamén existe unha partida de 604.000 euros para axudas ao sector cultural, segundo volveu recordar o alcalde.
IMELGA
Na rolda de prensa, o alcalde tamén se referiu ao Imelga, o Instituto de Medicina Legal que está previsto construir en Fontiñas. Sánchez Bugallo sinalou que no pleno quedou acreditado que o edificio “non constitúe ningún tipo de perigo, polo que non queda máis remedio que denunciar a manipulación torticera que algúns intentaron facer, xerando unha hipótese de perigo”. Afirmou que a construción do Imelga é “na parcela adecuada, ben conectada e próxima ao Pazo de Xustiza; unha parcela que non está céntrica, e que non tivo uso algún uso en vinte anos”. Escolleuse, engadiu, despois de preservar “as parcelas que considerabamos máis útiles para o barrio”.
O que confirmou o alcalde foi que están garantidas as medidas de seguridade e que non hai precedentes” desa perigosidade. Quedou claro, continou, cos datos aportados tanto no pleno como na reunión mantida coa veciñanza o 12 de abril, “coa explicación dos dous expertos citados”. O rexedor recordou que en Santiago “temos o IMEL, o Instituto de Medicina Legal da USC na rúa de San Francisco desde hai 50 anos; e temos o Imelga na rúa Viena, no Pazo de Xustiza, sen ningún problema desde hai 20 anos, o mismo que sucede en Coruña e en Vigo”, así como noutras cidades. Subliñou que o risco cero non existe. “é un eufemismo, xa que en ningún tipo de instalación, nin na casa, nin na vida ordiaria, se garante ese risco cero”.
O alcalde foi contundente. “Houbo quen non xogou un papel correcto en todo isto. Creo que non é ético manipular os medos das persoas, e máis nunha situación como esta (de pandemia). Sánchez Bugallo finalizou sinalando que entende este asunto como “definitivamente pechado”, e polo tanto “os feitos demostrarán que non había ningún risco nin ningunha ameaza”.
Sobre a sentenza coñecida esta semana que obriga á empresa concesionaria de transporte urbano de Santiago a readmitir a un traballador que viña realizando as labores de conducción na liña do aeroporto coa anterior concesionaria, Sánchez Bugallo sinalou que “a decisión corresponde á empresa. A nós gustaríanos que se lle dera unha solución o máis xusta a razonable posible para estas persoas. Intentaremos axudar na medida en que poidamos. Pero a decisión correspóndelle á empresa”.
Tal e como fixo a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, onte; o alcalde tamén aproveitou para “amosar a súa satisfacción pola desconvocatoria da folga de recollida de lixo e limpeza viaria”. Engadiu que “unha folga neste escenario non era razoable, tal e como dixen la rolda de prensa do pasado venres. Hai un acordo entre empresa e traballadores” que levou á desconvocatoria da protesta, polo que felicitou “tanto á empresa como aos traballadores por esa solución”.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela