Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
A reurbanización e humanización da rúa de Carlos Maside mellorará a accesibilidade das vivendas e reordenará as zonas verdes, con máis espazo para os peóns. O proxecto, no que está previsto investir preto de dous millóns de euros; contempla, ademais, a renovación das canalizacións. Explicóullo o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, a veciñanza de Vite nun encontro mantido nas últimas horas, ao que tamén asistiron distintos membros do goberno municipal e da candidatura socialista.
A idea, sinalou o alcalde, é comezar as obras unha vez remate a reurbanización e humanización da rúa García Lorca, que transformará a zona de Guadalupe. Saiu a licitación a mediados de marzo cun investimento superior ao millón de euros e está a piques de resolverse. Esta obra, consensuada coa veciñanza, suporá a mellora da accesibilidade; arenovación das instalacións urbanas, como a rede de saneamento e abastecemento; e creará unha nova zona de aparcadoiro paralela á rúa para dar servizo tamén á asociación veciñal.
Tamén está en licitación a rehabilitación integral do pavillón municipal de Vite, cun investimento superior a 1,3 millóns de euros, financiados con fondos europeos. Contempla, entre outras actuacións, a renovación da cuberta e a mellora da eficiencia enerxética. Outros proxectos en previsión son a pavimentacion de Vite de Abaixo, as obras de acondicionamiento do CEIP de Vite, e a remodelación do Centro Sociocultural José Saramago.
Ascensores
O alcalde tamén lle trasladou ás veciñas e veciños que durante este mandato se concederon, no barrio de Vite, seis licenzas para a instalación de ascensores, fronte a 1 licenza tramitada no mandato de Compostela Aberta. Durante o goberno de Sánchez Bugallo duplicáronse as licenzas relacionadas coa instalación de elevadores. Nestes últimos catro anos concedéronse 16 no Casco Histórico, Vista Alegre, Pontepedriña e Vite, fronte ás 8 do executivo de Compostela Aberta.
A maiores, en decembro pasado, aprobouse unha liña de axudas para edificios de zonas desfavorecidas de 84.000 euros, con cargo a fondos EDUSI destinados á primeira fase, a de elaboración da documentación técnica, do programa de intervencións e instalación de elementos que melloren a accesibilidade, como poden ser os elevadores, en edificios de zonas desfavorecidas. O barrio de Vite é un dos beneficiados, con; en principio, catro proxectos seleccionados. No Centro Sociocultural José Saramago de Vite instalarase unha oficina de información sobre estas axudas, co obxecto de, atendendo ás demandas da veciñanza, explicarlle en que consistía o programa.
Transporte
En materia de transporte, Sánchez Bugallo explicoulle que o novo contrato, en fase de licitación, contempla manter como ata agora a liña 5, a aumentar as frecuencias das liñas C2, e C4, que pasarán cada 20 minutos. Ademáis das paradas na zona dos hospitais e no Ensanche, incorporarase agora outra zona de gran mobilidade, o Campus Sur. Polo que respecta a Vite de Arriba, introdúcese unha novidade: as paradas á demanda no lugar que indique a persoas usuaria, para facilitar o traxecto ás persoas maiores e/ou con mobilidade reducida; e tamén para incrementar a seguridade das mulleres, sobre todo en horario nocturno.
Outras actuacións
Outra actuación destacada no barrio realizada durante este mandato foi, segundo explicou o alcalde, a rehabilitación da fonte de Vite, unha antiga demanda da veciñanza. Recolocáronse as pedras, impermeabilizose a superficie, substituíuse o equipo de bombeo, e instaláronse focos leds para a iluminación nocturna. No encontro tamén se valorou dun xeito positivo a creación do roteiro da senda verde “O xiro dos montes”, co que se recuperaron 140 quilómetros de sendas verdes e puxéronse en valor distintos espazos, entre eles Monte de Deus, a mellora da accesibilidade de beirarrúas a través de obradoiros especiais de emprego, e a instalación do contedor marrón.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela